O Alcalde de Monforte impulsa a confección do plan de acción local da Axenda 2030

Monforte de Lemos, 4 de outubro de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé, ven de dar os pasos para confeccionar o plan de acción municipal aliñado coa Axenda 2030 e participar nesta iniciativa global a favor das persoas e do planeta aprobada pola ONU en 2015. Os retos marcados pola A2030 teñen alcance mundial e estrutúranse en 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), entre os que se atopan compromisos como o fin da pobreza e a fame, unha educación de calidade, igualdade de xénero, auga limpa e saneamento, enerxía accesible e non contaminante e a redución das desigualdades, entre outros.

O rexedor destaca que adherirse á Axenda 2030 e desenvolver este plan de acción permitirá ao Concello de Monforte aliñar a súas políticas públicas cos principios do desenvolvemento sostible, mellorar a planificación estratéxica, fortalecer a participación cidadá e acceder a oportunidades de financiación rexional, estatal e europea. “Con esta iniciativa, amosamos un firme compromiso co desenvolvemento sostible, a loita contra o cambio climático, a igualdade, a inclusión social e a xustiza interxeracional”, destaca o Alcalde, José Tomé.

O punto de partida na elaboración deste plan municipal é facer un diagnóstico previo que permita identificar accións planificadas polo goberno local que xa estean aliñadas cos ODS, coñecer o seu grado de desenvolvemento no ámbito local e establecer áreas prioritarias de intervención.

Partindo deste análise previo, o Concello de Monforte elaborará un plan de acción local integrando eixos estratéxicos, metas municipais e mecanismos de seguimento e avaliación aliñados cos ODS.

Por último, levarase a cabo unha campaña de difusión e sensibilización que terá como destinatarios tanto o persoal técnico do Concello como o alumnado de Secundaria dos centros educativos de Monforte, co fin de dar a coñecer a Axenda 2030 e a súa importancia.

 

Axenda 2030 e ODS

A A2030 foi proposta pola ONU coa finalidade de abordar conxuntamente as principais problemáticas que afectan ao planeta hoxe en día, xa sexan de carácter social (fame ou desigualdades entre poboacións), medioambiental (cambio climático ou sobreexplotación dos recursos naturais) ou económico (pobreza).

A resolución distingue 5 eixos fundamentais en torno aos que pivota a folla de ruta a seguir: as persoas, o planeta, a prosperidade, a paz e as alianzas. De forma simultánea, estes elementos distribúense en 17 obxectivos, que constitúen os denominados ODS, e que, a súa vez, desagréganse en 169 metas suxeitas a 232 indicadores para o seu seguimento e control.

Os 17 obxectivos propostos pola Axenda 2030 para o desenvolvemento sostible son os seguintes:

ODS1. Fin da pobreza.

ODS 2. Fame cero.

ODS 3. Saúde e benestar.

ODS 4. Educación de calidade.

ODS 5. Igualdade de xénero

ODS 6. Auga limpa e saneamento.

ODS 7. Enerxía accesible e non contaminante.

ODS 8. Traballo decente e crecemento económico.

ODS 9. Industria, innovación e infraestrutura.

ODS 10. Redución das desigualdades.

ODS 11. Cidades e comunidades sostibles.

ODS 12. Produción e consumo responsables.

ODS 13. Acción polo clima.

ODS 14. Vida submarina.

ODS 15. Vida de ecosistemas terrestres.

ODS 16. Paz, xustiza e institucións sólidas.

ODS 17. Alianzas para acadar os obxectivos.