
Monforte de Lemos, 1 de agosto de 2025. O Alcalde do Concello de Monforte, José Tomé Roca, inaugurou na tarde de hoxe a XXV Mostra de artesanía Artelemos 2025, acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, polo Concelleiro de Medio Ambiente, Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, a Concelleira de Cultura, Marina Doutón, a Concelleira de Consumo, Regina López e o Concelleiro de Tecnoloxía e Innovación, Guillermo Díaz.
Tras a inauguración, tivo lugar a actuación musical do Grupo Municipal de Gaitas e Danza do Concello de Monforte, e a comitiva de autoridades visitou os diferentes stands que compoñen a mostra.
Esta mostra celebrarase na rúa Cardenal de Monforte de Lemos dende hoxe venres 1 e ata o mércores 6 de agosto e convértese, como cada ano, na antesala das Festas Patronais da cidade, dentro do Programa Cultural de Verán do Concello.
En Artelemos 2025 participan 35 profesionais da artesanía, cinco mais que os que participaron na última edición, sendo o número máis alto de participantes ata o momento, procedentes da comarca de Lemos, así coma doutros puntos de Galicia e de España.
Este ano o certame durará seis días, un día máis do habitual, despois da boa aceptación que tivo o ano pasado a iniciativa de incrementar o desenvolvemento do certame nunha xornada mais. Ante o éxito das vendas e o interese dos artesáns, dende o Equipo de Goberno decidiuse manter esta ampliación dos días de celebración do certame e increméntase tamén o horario de apertura dos stands con respecto a anos anteriores, pasando a apertura na xornada de tarde ás 17:00 horas en lugar das 6 da tarde como era habitual.
O Concello aposta especialmente por unha Mostra de artesanía que o Equipo de Goberno recuperou no Nadal do ano 2015, tras anos de ausencia, dende que desaparecera a Fundación Comarcal Terra de Lemos, que a organizou entre os anos 1996 e 2011. Dende o ano 2015, Artelemos celebrase tódolos anos cun aumento progresivo de participantes e artesáns que avalan este tipo de eventos.
O horario durante os 6 días que durará a XXV Mostra Artelemos será, pola mañá, de 10 a 14 horas, e pola tarde de 17 a 22 horas.
Ademais, o programa inclúe demostracións, que se desenvolverán de 12 a 14 horas, e de 19 a 21 horas.
Artelemos, unha mostra consolidada que aposta pola artesanía
Artelemos é o escaparate dos pequenos obradoiros artesanais que están a traballar no noso territorio rural, espallados por toda a xeografía galega, e que gardan a identidade de oficios tradicionais conxugándoa con tendencias actuais.
“Con esta Mostra”, sinala o Alcalde, “contribuímos á dinamización dos oficios e dos produtos artesanais locais, o que nos serve tamén para reforzar a promoción turística tanto de Monforte, como da comarca de Lemos e a Ribeira Sacra no seu conxunto”.
O obxectivo de Artelemos é achegar a artesanía local á xente na rúa, unha artesanía tradicional, e tamén máis moderna, cunha ampla variedade de disciplinas artesanais que os clientes esperan atopar: como ourivaría, cestería, coiro, vidro, olería de Gundivós, cerámica, papel e madeira, entre outras. En definitiva, unha inmellorable ocasión para atopar pezas únicas e de gran calidade, xa que todos os artesáns participantes contan con acreditación profesional.
Na Mostra, que será inaugurada o venres 1 de agosto ás 19:00 h e coa actuación do Grupo Municipal de Gaitas do Concello, ademais dos 35 stands adicados á artesanía, poderemos ver en vivo a elaboración de pezas, con diversas demostracións ao longo dos días de duración do evento.
Tamén haberá diferentes obradoiros para cativos/as coma se pode ver no programa de cada día. Estas actividades, que son un complemento á propia Mostra, organízanse ano a ano porque sempre acadaron un notable éxito entre o público asistente.
O Alcalde concluíu a súa intervención animando a “todos os monfortinos e monfortinas, así como as persoas que nos visitan nestes días de verán, a que se acheguen a visitar esta 25ª edición de Artelemos no Cardenal, e que aposten polos produtos artesáns que alí se atoparán, que contan con todas as garantías de fabricación e de calidade, porque apostar polo artesanal significa apostar polos nosos artesáns, polo produto local de calidade, polo noso medio rural, polas nosas tradicións, en definitiva, pola nosa arte e a nosa cultura”.
Programación 25ª Mostra Artelemos 2025
Venres 1:
• 10:00 - Apertura dos stands de venda.
• 12:00 a 14:00 - Demostración de Olería Tradicional da Ribeira Sacra-Figulus. Artesán: Tomás López.
• 17:00 - Apertura dos stands de venda.
• 19:00 - Inauguración da 25ª Mostra Artelemos.
• 19:00 a 21:00 - Demostración de Olería Tradicional da Ribeira Sacra-Figulus. Artesán: Tomás López.
• 19:00 a 21:00 - Obradoiro de Olería para nenos/as. Artesá: Otilia Arias.
• 22:00 - Peche dos stands.
________________________________________
Sábado 2:
• 10:00 - Apertura dos stands de venda.
• 12:00 a 14:00 - Obradoiro de impresión téxtil “Hapa Zome”. Elaboración dunha mochila de loneta. Artesá: Luisa Mosquera.
• 17:00 - Apertura dos stands de venda.
• 19:00 a 21:00 - Obradoiro de impresión téxtil “Hapa Zome”. Elaboración dunha mochila de loneta. Artesá: Luisa Mosquera.
• 22:00 - Peche dos stands.
________________________________________
Domingo 3:
• 10:00 - Apertura dos stands de venda.
• 12:00 a 14:00 - Obradoiro de Coiro. Elaboración dunha pulseira personalizada. Artesá: Lucia Casado.
• 17:00 - Apertura dos stands de venda.
• 19:00 a 21:00 - Obradoiro de Coiro. Elaboración dunha pulseira personalizada. Artesá: Lucia Casado.
• 22:00 - Peche dos stands.
________________________________________
Luns 4:
• 10:00 - Apertura dos stands de venda.
• 12:00 a 14:00 - Demostración de Olería de Gundivós. Artesán: Elías González.
• 12:00 a 14:00 - Obradoiro de Cestería para nenos/as. Artesá: Luisa Martínez.
• 17:00 - Apertura dos stands de venda.
• 19:00 a 21:00 - Demostración de Olería de Gundivós. Artesán: Elías González.
• 19:00 a 21:00 - Obradoiro de Cestería. Público a partir de 14 anos. Artesá: Luisa Martínez.
• 22:00 - Peche dos stands.
________________________________________
Martes 5:
• 10:00 - Apertura dos stands de venda.
• 12:00 a 14:00 - Obradoiro de elaboración dun portarretrato decorado de cartón. Artesá: Noel Pérez.
• 17:00 - Apertura dos stands de venda.
• 19:00 a 21:00 - Obradoiro de elaboración dun portarretrato decorado de cartón. Artesá: Noel Pérez.
• 22:00 - Peche dos stands.
________________________________________
Mércores 6:
• 10:00 - Apertura dos stands de venda.
• 12:00 a 14:00 - Demostración en directo da técnica Needle Felting en lá. Artesá: María Monsalve.
• 12:00 a 14:00 - Obradoiro de Barro para nenos/as. Artesá: Amparo Escrich.
• 17:00 - Apertura dos stands de venda.
• 19:00 a 21:00 - Demostración en directo da técnica Nuno Felting en fieltrado de lá. Artesá: María Monsalve.
• 19:00 a 21:00 - Obradoiro de Barro para nenos/as. Artesá: Amparo Escrich.
• 22:00 - Peche dos stands.