Monforte de Lemos, 18 de outubro de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, inaugurou este sábado, 18 de outubro, a reforma integral da Piscina Municipal de A Pinguela, que estrea unha nova imaxe trala profunda remodelación levada a cabo no último ano e que supuxo unha inversión total de 2,3 millón de euros. Froito deste proxecto, os monfortinos e as monfortinas poderán desfrutar dunhas instalacións completamente renovadas.
O rexedor estivo acompañado neste acto pola Subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López Rodríguez, membros do Equipo de Goberno e representantes do Club de Natación de Monforte e da empresa adxudicataria e directores de obra.
Antes da celebración do acto institucional, os asistentes realizaron unha visita polas novas instalacións e puideron comprobar o cambio substancial na fisionomía do edificio trala reforma integral impulsada polo Equipo de Goberno do Concello de Monforte, liderado polo Alcalde José Tomé. A financiación foi compartida polo Consello Superior de Deportes (644.882,94€), a Deputación Provincial de Lugo (600.000€) e o Concello de Monforte que aportou a cantidade restante, máis de 1 millón de euros.
A renovación total das instalacións da Piscina Municipal fíxose en harmonía co Pavillón Polideportivo, reformado hai dous anos logo dunha inversión de 3.708.051,60€. Ambas conforman agora unha peza única que comparte espazos e envolvente “creando un complexo deportivo único, eficiente e moderno e, sobre todo, óptimo na súa xestión”, en palabras do Alcalde José Tomé. Cabe recordar que a xestión conxunta do Complexo Deportivo de A Pinguela adxudicouse o pasado mes de setembro á empresa Ideas de Bolina S.L. por un importe de 1.383.821,95 euros, e unha duración de dous anos, prorrogables ata un máximo total de catro.
Unha transformación completa
Na intervención institucional que tivo lugar no recinto da Piscina, entre os dous vasos, o rexedor monfortino subliñou que esta reforma integral “dota a Monforte dunha instalación moderna, única e na vangarda tecnolóxica, e supón o colofón dunha transformación completa no conxunto da Pinguela”.
Unha actuación, engadiu, “froito dunha política de aposta clara polo deporte de Monforte, como levamos demostrado no Complexo Deportivo de A Pinguela, nos campos de fútbol, no pavillón, nas pistas de tenis, na rúa Sober, na urbanización dos estacionamentos do entorno e, hoxe, nesta piscina, cun investimento total que supera os 8 millóns de euros”.
Neste senso, o Alcalde agradeceu a colaboración do Consello Superior de Deportes e da Deputación de Lugo na mellora das infraestruturas deportivas de Monforte: “Entre as axudas do Consello Superior de Deportes e da Deputación e os investimentos aportados polo Concello nos últimos anos, superamos os 8 millóns de euros en melloras de instalacións deportivas en Monforte”. Citou as reformas dos Campos de Fútbol Luis Bodegas e Calasancio, a renovación do terreo de xogo e da iluminación do Campo Municipal de Fútbol de A Pinguela, a renovación da pista polideportiva do Parque da Compañía, a mellora da eficiencia enerxética do campo Luis Bodegas e a instalación de diversos videomarcadores deportivos de última xeración”.
A remodelación da Piscina Municipal é a primeira intervención de calado que se fai nesta infraestrutura deportiva que data de 1994. No momento do seu peche temporal para a execución das obras contaba con máis de 1.800 usuarios e cerca de 500 participantes en cursos de natación, dando tamén servizo ao Club de Natación de Monforte.
Na inauguración, o Alcalde amosou a súa satisfacción polo resultado e afirmou que “Monforte pode presumir dunha piscina moderna, segura, eficiente, sostible e en estado óptimo de utilización”. Neste senso, explicou que o cadro de persoal leva traballando na instalación desde o día 13 e anunciou que o vindeiro luns, 27 de outubro, é a data oficial de posta en servizo para todos os usuarios “que sei que están desexando recuperar a actividade nesta piscina”, afirmou.
Reforma integral
A reforma integral da Piscina Municipal foi executada pola empresa Construcciones Castro en base a un proxecto que cambia totalmente a fisionomía do edificio, fusionado agora co Pavillón Polideportivo e conectados ambos a través dunha ampla recepción. A reestruturación total dos espazos mellora e optimiza as circulacións dos usuarios e fai do Complexo Deportivo un espazo moito máis funcional, xa que a recepción dá acceso a calquera dos espazos do centro deportivo: cafetería, piscina, vestiarios e gradas (tanto da piscina como do pavillón), ximnasio xeral, ximnasio de clubes e pista polideportiva.
Ademais, esta reordenación permitiu aumentar a superficie destinada ao ximnasio pasando de 235 m2 a 300 m2; a das gradas, que pasa de 70 a 81 m2, e a da nova cafetería, que ocupa agora 111 m2 e dará servizo a todo o Complexo Deportivo.
Reordenación dos espazos
A entrada á Piscina sitúase agora na esquina onde conflúe co Pavillón Polideportivo, para crear unha zona de acceso común. Este cambio mellora notablemente a funcionalidade da instalación ao posibilitar un control de acceso previo para ambas infraestruturas.
Os vestiarios, completamente renovados, simplifican os percorridos e separan as zonas de “pés secos” e “pés húmidos”, de forma que os usuarios da piscina e os do ximnasio ou salas de actividades conflúen neste punto, pero sen mesturarse, o que derivará nunha mellora das condicións hixiénicas e sanitarias.
O ximnasio sitúase na zona sur, gañando en superficie e mellorando a súa funcionalidade.
Na planta baixa sitúase a recepción e, por detrás desta, dous vestiarios independentes para grupos e un vestiario de persoal, ademais dun despacho para administración.
Completando o conxunto, creouse un núcleo de aseos para o público e unha cafetería que dá servizo tanto á Piscina como ao Pavillón Polideportivo, con vistas aos vasos, e saída directa cara as bancadas reformadas.
Novidades máis destacables das novas instalacións
-Dotación de dous vestiarios para grupos, independentes dos vestiarios de uso xeral, que poderán usar os centros educativos e os clubes de natación.
-O edificio conta agora cun sistema de control de acceso para a zona de piscina e ximnasio que permite o acceso autónomo ao recinto por parte das persoas usuarias, así como un maior control sobre os accesos.
-Instalación dun sistema de monitorización da actividade en tempo real, tanto na piscina grande como na pequena, que permite monitorear a actividade durante a súa práctica deportiva así como garantir a seguridade dos nadadores. Trátase dunha nova ferramenta dixital que recolle e monitoriza todas as métricas da actividade dos nadadores, como a distancia percorrida, os tempos, etc.).
-Renovación dos sistemas de produción de calor e frío: A piscina incorpora unha bomba de calor xeotérmico que traballará conxuntamente cunha nova caldeira de biomasa. Con estes dous sistemas atenderase a demanda integral do centro, tanto en frío como en calor, con dous sistemas de enerxía renovable de moi baixas emisións de CO2.
-Renovación e modificación da instalación hidráulica coa substitución dos grupos de bombeo que atenden ás necesidades de quecemento de ACS, da auga das piscinas, do ambiente do recinto da piscina e de quecemento e refrixeración nas diferentes salas. Estes equipos de bombeo son de eficiencia enerxética e están integrados dentro do sistema de control central do edificio, buscando en todo momento a súa máxima eficiencia e eficacia.
-Instalación interior de climatización a base de climatizadores descentralizados con capacidade de controlar a temperatura interior, a humidade relativa e a calidade do aire (niveles de CO2), nos diferentes espazos.
-Ademais, a instalación dispón de CONTROL CENTRALIZADO BMS que integra e automatiza a supervisión e control do edificio. Este sistema permite en todo momento optimizar o funcionamento da instalación para satisfacer a demanda dos usuarios, á vez que optimiza o consumo enerxético en base a estratexias de aforro implementadas na súa configuración. As principais función deste sistema son as seguintes:
- Medición continua de consumos de enerxía en subministro e consumos interiores por uso (piscina, climatización, ACS) con alarmas de desvío sobre consumos proxectados.
- Control de funcionamento individual por zona con programación horaria de uso.
- Control de temperatura e humidade interior de cada zona.
- Control de calidade do aire interior con actuación sobre a ventilación, recuperación de calor e aporte de aire exterior.
- Integración da produción de calor e frío e enerxías renovables, con prioridade de aproveitamento dos sistemas de enerxías renovables fronte aos consumidores de enerxías non renovables.
-Renovación completa do sistema de depuración das piscinas: cambio dos filtros, bombas circuladoras e sistema automatizado de inxección de produtos químicos.