O Alcalde informa que a Xunta de Goberno Local adxudicou o contrato de transporte público e gratuíto de viaxeiros para a poboación rural do Concello de Monforte, único en España.

Monforte de Lemos, 9 de agosto de 2025. O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, ven de informar da adxudicación do contrato de transporte público de viaxeiros para a poboación do rural do Concello de Monforte de Lemos.

Despois do acordo Plenario de data 30 de abril de 2025 no que o Pleno delegaba na Xunta de Goberno Local, todos os trámites e actuacións necesarias para a adxudicación, formalización e execución do expediente de contratación deste servizo, a Xunta de Goberno Local, procedeu na sesión do psado luns, á adxudicación do contrato por un importe de 972.759,55 euros á empresa Palacios Bus S.L, única licitadora que se presentou á convocatoria.

As mesas de contratación celebráronse os días 11, 23 e 25 do pasado mes de xuño e trala aprobación da clasificación de licitadores, procedeuse ó requirimento da documentación para adxudicación por acordo da Xunta de Goberno Local celebrada o día 30 de xuño á empresa Palacios Bus S.L que presentou a documentación solicitada o día 14 de xullo.

Unha vez adxudicado o contrato de transporte colectivo das parroquias de Monforte, procederase á formalización do mesmo, que non poderá levarse a cabo antes dos quince días hábiles seguintes á remisión da notificación da adxudicación e a posta en marcha do servizo, que terá lugar dentro dos 3 meses posteriores á sinatura do contrato.

Hai que subliñar que na memoria técnica presentada pola empresa, desenvólvese unha proposta ampla e datallada sobre a organización da xestión e explotación do servizo concretando as especificacións seguintes:

-Para a correcta prestación do servizo contará con un condutor a xornada completa, con formación específica en transporte de viaxeiros e atención a persoas con mobilidade reducida. Condutores de reforzo para atender calquera tipo de continxencias, baixas, vacacións, descansos, etc. Persoal administrativo de apoio, para as tarefas de soporte operativo, control de calidade e atención ao cidadán. Protocolos de substitución para garantir a continuidade do servizo ante incidencias ou baixas”.

-En relación á explotación do servizo, a licitadora, define a estrutura acorde co concello tanto en itinerarios, rutas, paradas e horarios, coas posibles variacións e alternancias que se poidan dar e que serán establecidas polo concello. Reflicte a licitadora na súa memoria técnica, en diversos apartados a absoluta disposición e adaptación destes recursos a estas modificacións.

-Presenta e define ferramentas de xestión para controlar e programar as necesidades e imprevistos, inclúe un Plan de Seguridade e continxencias moi competo, con protocolos ante accidentes, emerxencias médicas, condicións climatolóxicas adversas e fallos mecánicos.

-A realización anual de enquisas de satisfacción e estudios de demanda, incluíndo os correspondentes informes mensuais de actividade e indicadores de servizo que entregará ao concello. Tamén, o sistema de seguimento do servizo integrará evaluacións periódicas para implementar melloras continuas”.

-Proponse un vehículo de nova adquisición para a prestación do servizo licitado: autobús Scania K360C B4X2Ni carrozado por BEULAS, modelo CYGNUS 9.80. Describe na memoria as características detalladamente e cumpre coas características mínimas e requisitos recollidos no anexo II do Prego de Condicións Técnicas.

Conta con 41 prazas, adaptado para persoas con mobilidade reducida, equipado con todas as prestacións de seguridade activa e pasiva (GSR II), accesibilidade universal (PMR), información a bordo (pantalla, megafonía, xeolocalización), cumprimento da normativa ambiental (EURO VI) e un sistema completo de información ao usuario, posicionamento GPS e comunicación continua có centro de control.

-Por outra banda, garante a dispoñibilidade inmediata dun vehículo de substitución con características similares ou superiores en caso de avaría.

-En canto a imaxe do servizo (color, rotulacións…..) esta será a definida polo concello.

- A licitadora acredita ademais, que dispón na actualidade de instalacións propias de alto nivel, no concello de Monforte de Lemos e completamente equipadas, cunha superficie de 1.700 m², dotadas de taller completo de mantemento, lavado, almacén, oficinas e call center. O que lle garante unha autonomía total na xestión do servizo e unha capacidade de resposta inmediata ante calquera incidencia.

En conclusión, respecto aos recursos persoais, materiais e instalacións, presenta unha solución moi completa e adaptada aos requisitos establecidos no Prego de prescricións técnicas.

O novo contrato do servizo de xestión integral do autobús rural de Monforte, ten un prazo de duración de 10 anos e tendo en conta que a maior inversión se ten que facer ó poñer en marcha o servizo, xa que hai que contar coa inversión que hai que facer na compra do autobús no que se realizará o servizo.

Este tipo de transporte en autobús, permitirá aos veciños e veciñas do rural desprazarse facilmente á cidade, contribuíndo á loita contra o despoboamento e facilitándolle a vida a poboación mais vulnerable e con mais dificultades de mobilidade. Por ese motivo, tal e como afirma o Alcalde “hoxe para min é un día moi importante porque cumprimos un compromiso de dotar ás parroquias de Monforte dun novo servizo de transporte público, accesible a todos os cidadáns, novo, moderno, adaptado e que trata a todo o mundo por igual porque é gratuíto. Deste xeito,  cumprimos o noso compromiso e cumprimos coa palabra dada”. E é que para o Equipo de Goberno de Monforte, o transporte público forma parte da política social do goberno municipal.

O novo servizo de bus rural, continuou o rexedor municipal, “é un servizo moderno, accesible e adaptado, que da resposta ás necesidades de todas as persoas, incluídas as que teñen mobilidade reducida ou teñen algunha discapacidade, xa que deberá ter incluída como mínimo unha praza para persoas con mobilidade reducida e válida para cadeiras de rodas, ademais de estar dotado de plataforma ou rampa de acceso”. “Creemos -proseguiu Tomé- que este novo autobús de transporte municipal cumprirá un fin social e, ó mesmo tempo, axudará a fomentar e a concienciar sobre o uso do transporte público, pasando a ser Monforte, unha cidade pioneira en transporte público gratuíto.”

Outra cuestión importante,  é que ó remate dos 10 anos de contrato, o autobús pasa a ser propiedade do Concello. A vantaxe que terá esta circunstancia para o futuro, é que cando se faga un novo contrato, o servizo sairá máis barato debido a que xa non haberá que comprar o autobús porque a vida útil é superior ós 10 anos, e polo tanto non será necesario pagar a cota de amortización do autobús.

O novo autobús vai rotulado coas cores corporativas e un deseño que o identifica como autobús de transporte urbano de viaxeiros de Monforte de Lemos. A súa cor é o vermello porque destaca máis e porque o primeiro bus que houbo en Monforte tamén era desa cor.

Horarios e rutas

Os horarios do servizo de Bus Rural será de luns a venres laborables dende as 8:00 da mañá ata as 15:00 h.

RUTAS PERCORRIDOS E PARADAS

-Cada día laborable, de luns a venres, realizarase unha das rutas previstas, incluíndo traxecto de ida e volta, conforme ao seguinte esquema operativo:

1ª RUTA

Rozavales.

Vilamarín.

Caneda.

Santa Mariña.

Estación de RENFE

Estación de Autobuses

Hospital

Estacionamento Parque dos Condes

2ª RUTA

A Penela

Nocedas

Gullade

Guntín

Marcelle

Estación de RENFE

Estación de Autobuses

Hospital

Estacionamento Parque dos Condes

3ª RUTA

Distriz

A Vide

MoredaSan Xoan de Tor

San Xulián de Tor

Estación de RENFE

Estación de Autobuses

Hospital

Estacionamento Parque dos Condes

4ª RUTA

Fiolleda

Baamorto

Chao do Fabeiro

Seoane

Estación de RENFE

Estación de Autobuses

Hospital

Estacionamento Parque dos Condes

5ª RUTA

Sindrán

Bascós:

Chavaga

Reigada

Estación de RENFE

Estación de Autobuses

Hospital

Estacionamento Parque dos Condes

5ª RUTA Bis

Valverde

A Parte

Estación de RENFE

Estación de Autobuses

Hospital

-O día que se realice a Ruta 5, unha vez finalizado o viaxe das parroquias de Sindrán, Bascós, Chavaga e Reigada, fará un segundo percorrido ás parroquias de Valverde e A Parte, denominándose ésta a Ruta 5 bis.

-O percorrido de volta de cada ruta será á inversa do realizado á primeira hora da mañá.

En definitiva, concluíu o Alcalde “estou seguro de que a posta en marcha deste autobús de transporte municipal para viaxeiros, cumprirá un fin social, e, ó mesmo tempo, axudará a fomentar e concienciar sobre o uso do transporte público, pasando a ser Monforte, unha cidade pioneira en transporte público gratuíto para a zona rural, xa que, que saibamos, non hai algo semellante que estea funcionando neste momento”.

A cidade de Monforte é un referente en transporte público gratuíto cumprindo un fin social, e ó mesmo tempo, axudando a fomentar e concienciar sobre o uso do transporte público. Dende o Concello, agardamos que  todos os veciños e veciñas de Monforte desfruten do novo bus rural e que sexa un servizo útil, cómodo e eficaz para todos e todas.