O Alcalde informa da ampliación do prazo para a rehabilitación de vivendas no conxunto histórico

Monforte de Lemos, 10 de setembro de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa da ampliación do prazo de execución de obras de rehabilitación en vivendas recollidas no programa de axudas á Rexeneración e Renovación Urbana do Plan Estatal de vivenda 2018-2021, ao que está adherido o Concello de Monforte mediante convenio asinado co Ministerio de Vivienda y Agenda Urbana e o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS).

A prórroga, aprobada na Xunta de Goberno do Concello de Monforte do pasado luns, 8 de setembro, esténdese ata o 31 de decembro de 2026, e afecta as actuacións incluídas na Fase 11ª de intervención na Área de Rehabilitación Integral (ARI) do Conxunto Histórico e Zonas de Respecto de Monforte de Lemos e que tiña como data de finalización o 26 de outubro de 2025.

Nesta fase do programa concedéronse axudas para un total de 19 actuacións no citado ámbito que obtiveron unha financiación de 136.440,47 euros do Ministerio de Vivienda y Agenda Urbana e 25.718,91 do IGVS. Trátase de 18 proxectos de Rehabilitación de vivendas e 1 de Renovación, o que implica, neste caso, a demolición da edificación existente e nova construcción.

Das 19 actuacións recollidas na Fase 11ª, están finalizadas 15, polo que o prazo de ampliación afecta aos catro proxectos que se atopan actualmente en proceso de execución, concretamente, nas rúas Doctor Casares, Santa Clara (2) e Abeledos.

 

Convenio e cuantías

O programa de axudas para a rehabilitación de edificios e vivendas localizados na ARI do Conxunto Histórico e Zonas de Respecto de Monforte de Lemos é froito do convenio asinado entre o Goberno central, o IGVS e o Concello de Monforte de Lemos para financiar estas actuacións.

O Ministerio de Vivienda y Agenda Urbana aporta o 40% do orzamento de cada actuación. Na modalidade de Rehabilitación con ata un máximo de 8.000 euros por proxecto e de 12.000 euros no caso de que a intervención incorpore melloras de eficiencia enerxética. Na modalidade de Renovación, a aportación máxima é de 30.000 euros.

O IGVS achega o 10% do custe, cunha achega máxima de 4.000 euros por actuación.

Pola súa banda, o Concello de Monforte financia os servizos da Oficina de Rehabilitación, ademais de bonificacións no ICIO .

 

Tres fases activas

 Actualmente están activas tres fases do programa de axudas á Rexeneración e Renovación Urbana que suman 88 actuacións no ámbito da ARI do Conxunto Histórico e Zonas de Respecto de Monforte de Lemos.

  • Fase 11ª. Comprende 19 actuacións (18 de Rehabilitación e 1 de Renovación). 15 de elas xa finalizadas e catro atópanse en proceso de execución.
  • Fase 12ª. Subvenciónanse 29 actuacións de Rehabilitación. 27 están executadas e 2 en proceso de execución.
  • Fase 13ª. Acolle 40 actuacións (36 de Rehabilitación e 4 de Renovación). Catro rehabilitacións están xa finalizadas e o resto están actualmente en execución.

 

O Alcalde, José Tomé, destaca a “aposta decidida pola recuperación e posta en valor do Conxunto Histórico de Monforte” e pon en valor “o impacto positivo deste programa de axudas encamiñadas a rehabilitar e revalorizar este espazo da nosa cidade”. Neste senso, o rexedor anima a todos os veciños e veciñas “a solicitar estas importantes axudas co obxecto de que acometan a rehabilitación das súas vivendas e contribuir a mellorar o noso conxunto histórico”.

 

Convocatoria aberta

Na actualidade, e ao abeiro do Plan Estatal de Vivienda 2022-2025, está aberta a convocatoria de axudas para actuacións a nivel de barrio, no entorno residencial de rehabilitación programada de Monforte de Lemos (ERRP Conxunto Histórico e Zonas de Respecto de Monforte de Lemos), financiada con Fondos Next Generation.

A partida económica destinada a este programa é de 700.000 euros e comprende actuacións que se realicen en vivendas unifamiliares ou en edificios de tipoloxía residencial colectiva, e supoñan unha reducción de, polo menos, un 35% na demanda enerxética anual de calefacción e refrixeración.

O prazo para a solicitude destas axudas está aberto ata o 30 de decembro de 2025 e a data límite para a finalización das obras subvencionadas é o 30 de xuño de 2026.