O Alcalde informa da apertura do prazo mañá, día 15 de outubro, para solicitar as axudas ao transporte do alumnado universitario e de ciclos de formación de Monforte

Monforte de Lemos, 14 de outubro de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa da apertura do prazo para solicitar as axudas ao transporte do alumnado universitario e de ciclos de formación correspondentes ao curso académico 2025-2026. O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica hoxe o extracto da convocatoria, polo que o prazo de presentación de solicitudes comezará mañá, día 15 de outubro, estendéndose ata o 7 de novembro de 2025.

As axudas están dirixidas a cubrir os gastos de transporte público do alumnado universitario empadroado no Concello de Monforte, así como do alumnado de ciclos medio e superior de Formación Profesional e Bacharelato que teñan que desprazarse fora do Concello de Monforte, por non existir oferta formativa do ciclo ou bacharelato elixido neste municipio, ou non ter obtido praza na oferta local no curso.

Neste senso, o Alcalde, José Tomé Roca, indica que “con esta liña de axudas, desde o Equipo de Goberno contribuímos a facilitar os desprazamentos daqueles estudantes monfortinos que cursan estudos fora do noso concello, ben sexa no ámbito universitario, ben noutro tipo de disciplinas que non se ofertan na nosa cidade. O noso compromiso coas políticas sociais é firme, e neste caso, somos conscientes das necesidades que os nosos estudantes teñen á hora de desprazarse fora dos seus fogares e da súa cidade”.

Deste xeito, as axudas comprenden o período establecido entre setembro do 2025 e xullo do 2026.

 

Beneficiarios das axudas ó transporte

Poderán optar a estas axudas:

  • Alumnado de ensinanzas universitarias adaptadas ao Espazo Europeo de Educación Superior conducentes a títulos oficiais de Grao e ensinanzas universitarias conducentes a títulos de Licenciados ou Diplomados, empadroado no concello de Monforte de Lemos.
  • Alumnado de ciclos medio e superior de Formación Profesional e bacharelato empadroado no Concello de Monforte de Lemos que teña que desprazarse fóra do termo municipal, por non existir oferta do ciclo formativo neste municipio ou non ter obtido praza na oferta local no curso. 

 

Requisitos para optar ás axudas ó transporte

Os interesados en participar no presente concurso, deberán xustificar documentalmente a concorrencia dos seguintes requisitos:

  • Estar empadroados  no Concello de Monforte  no período inmediatamente anterior á presentación da solicitude.
  • Demostrar documentalmente estar matriculado no curso 2025-2026 para os solicitantes da axuda en calquera universidade, ciclo de formación ou bacharelato.
  • Estar ao corrente das súas obrigas tributarias (Administración Estatal, Autonómica e Local) e coa seguridade social, na data de presentación da solicitude para o que deberán presentar declaración xurada  co compromiso de manter o cumprimento das anteriores obrigas durante o período de tempo necesario para a tramitación e resolución do expediente.
  • Non estar incurso en ningunha das prohibicións da Lei 38/2003, Xeral de Subvencións.

Os solicitantes deberán reunir todos os requisitos fixados á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Ademais, estas axudas serán compatibles coas concedidas por outras administracións ou entidades privadas sempre e cando o importe total das axudas non supere o gasto total.

 

Renda per cápita anual

Para a determinación do importe da subvención, terase en conta a renda per cápita anual e a situación laboral dos membros da unidade familiar. Tal e como recollen as bases reguladoras destas axudas, para calcular a renda per cápita tomarase o importe dos ingresos totais da unidade familiar, que será o resultado da agregación das rendas do exercicio anterior a aquel en que dea comezo o curso escolar que se subvenciona de cada un dos membros da unidade familiar, calculadas por agregación da base impoñible xeral coa base impoñible do aforro. O importe resultante dividirase polo número de membros computables da unidade familiar. A cifra obtida constitúe a renda per cápita familiar.

Quedarán excluídas desta convocatoria aquelas que sexa superiores a 12.000€.

En función destes criterios, cada solicitante poderá optar a axudas que van dende os 200 ata os 600 euros.

 

Solicitude e documentación a presentar

As bases e instancias para participar neste convocatoria atópanse a disposición dos interesados na páxina web municipal https://www.monfortedelemos.es/gl/axudas/.

Ditas solicitudes poderán presentarse no rexistro xeral do Concello ou, no seu caso,  nos rexistros e oficinas a que se refire o artigo 16 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, dende o 15 de outubro ata o 7 de novembro de 2025.

A esta solicitude deberá achegarse a documentación pola orde que se sinala a continuación:

  1. Solicitude de axuda para o transporte para o que se pida a axuda .
  2. DNI do solicitante e da nai, pai, titor ou persoa encargada da garda e protección do menor, no caso de que o alumno sexa menor de idade.
  3. Libro de Familia no caso de solicitarse a  axuda para un menor de idade.
  4. Copia de matrícula  universitaria, matrícula do ciclo de formación ou bacharelato para o curso 2025/2026.
  5. Copia da condición de discapacitado dos membros da unidade familiar, recoñecidos pola administración competente, de ser o caso.
  6. Certificado de Empadroamento colectivo da unidade familiar.
  7. Copia da declaración da renda correspondente ao exercicio 2024 dos membros da unidade familiar que estivesen obrigados a iso, ou na súa falta, certificación negativa de non realizar dita declaración expedida pola Delegación  de Facenda. 
  8. No caso de que existise situación de desemprego, certificación de alta como desempregado expedida polo  organismo competente e da percepción ou non de prestación no caso dos desempregados e se se estivese recibindo unha pensión en calquera das súas modalidades (xubilación, viuvez, invalidez,  etc.), certificación expedida pola Tesouraría da Seguridade Social.
  9. Declaración xurada do solicitante de que se atopa ao corrente nas obrigas tributarias (Administración Estatal, Autonómica e Local)  e da Seguridade Social.
  10. Declaración de outras axudas.
  11. Certificado dos datos bancarios do beneficiario (expedido pola entidade bancaria).
  12. Declaración xurada do solicitante de que se atopa ao corrente nas obrigas tributarias (Administración Estatal, Autonómica e Local) e da Seguridade Social.
  13. Certificado dos datos bancarios do beneficiario (expedido pola entidade bancaria).

 EXTRACTO BOP 14-10-2025

 BASES E INSTANCIAS TPTE ALUMNADO 2025-2026