O Alcalde informa da concesión de 14.994€ en axudas ao transporte do alumnado universitario e de bacharelato e ciclos formativos

Monforte de Lemos, 30 de decembro de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa da resolución da convocatoria de subvencións ao transporte do alumnado universitario e de ciclos de formación correspondentes ao curso académico 2025-2026. A Xunta de Goberno Local aprobou este luns, 29 de decembro, a concesión de axudas que suman un importe total de 14.994,00€ repartidos entre os 55 solicitantes que cumpriron os requisitos.

As axudas están dirixidas a cubrir os gastos de transporte público do alumnado universitario empadroado no Concello de Monforte, así como do alumnado de ciclos medio e superior de Formación Profesional e Bacharelato que teñan que desprazarse fora do Concello de Monforte, por non existir oferta formativa do ciclo ou bacharelato elixido neste municipio, ou non ter obtido praza na oferta local no curso.

O Alcalde destaca que “con esta liña de axudas, desde o Equipo de Goberno contribuímos a facilitar os desprazamentos daqueles estudantes monfortinos que cursan estudos fora do noso Concello, ben sexa no ámbito universitario, ben noutro tipo de disciplinas que non se ofertan na nosa cidade. O noso compromiso coas políticas sociais é firme, e neste caso, somos conscientes das necesidades que os nosos estudantes teñen á hora de desprazarse fora dos seus fogares e da súa cidade”.

Para optar estas axudas, os solicitantes deben estar empadroados  no Concello de Monforte e estar matriculados no curso 2025-2026 en calquera universidade, ciclo de formación ou bacharelato fora do municipio. Cada solicitante opta a axudas que van dos 200€ aos 600€ en función da renda per cápita familiar, que é a resultante de dividir os ingresos  familiares entre os membros computables da unidade familiar, quedando excluídas aquelas que no cómputo final superan os 12.000€.