Monforte de Lemos, 12 de maio de 2025. O Alcalde do Concello de Monforte, José Tomé Roca, ven de informar que o xurado do Concurso de deseño de carteis das Festas Patronais 2025, xa fallou a favor dun dos participantes do mesmo, e que polo tanto, xa temos gañador do Concurso deste ano.
O cartel gañador foi escollido entre vinte traballos que pertencían a 18 participantes diferentes de procedencia diversa. Sete eran obras presentadas dende Monforte, cinco dende diversas poboacións da nosa comunidade: Brión, Cambados, Sarria, Vigo e Vilamelle e as outras sete, foron presentadas por autores de fora de Galicia: Alfaro, Burriana, Cartagena, Nafarroa, Navas e Rivas-Vaciamadrid.
O cartel seleccionado polo xurado, pertence a un concursante de Alfaro, Zaragoza, José Ángel Ligero Martínez, que concursou co pseudónimo “Luz, color y fiesta” competindo con outras 19 obras nas que se utilizaron diferentes técnicas, con temática e relación coa cidade de Monforte.
Tal e como se explicaba nas bases que establecen os requisitos a cumprir para a presentación dos deseños, establécese un único premio que será o cartel anunciador e a portada do programa das Festas 2025 e que está dotado cunha cantidade de 1.000 euros, impostos incluídos.
O cartel quedará en poder do Concello de Monforte de Lemos e aínda que a propiedade intelectual do traballo gañador, corresponderá ó autor, non obstante, a concesión do premio levará consigo sobre o traballo gañador a cesión exclusiva e gratuíta en favor do Concello de Monforte de Lemos de todos os dereitos de reprodución, distribución, comunicación pública e transformación por calquera modalidade, medio ou formato, incluídos os audiovisuais, os informáticos, os multimedia e os telemáticos.
A presentación e divulgación do cartel premiado terá lugar en datas próximas.