O Alcalde de Monforte fixo entrega da Medalla e Insignia aos membros da Corporación Municipal tal e como establece o Regulamento de Honras do Concello.

Monforte de Lemos, 29 de xuño de 2025. Onte celebrouse no Salón de Plenos do Concello de Monforte, a celebración da sesión que corresponde a este mes de xullo, coincidindo como é habitual co último luns de mes.

Na sesión plenaria, na que se abordaron diversos temas de interese municipal,  procedeuse á celebración do Acto de entrega da Medalla e Insignia aos membros da Corporación Municipal, que tal e como establece o Regulamento de Honras e Distincións do Concello de Monforte de Lemos, debe ser imposta tras xurar ou prometer o cargo no acto solemne de constitución da Corporación Municipal, momento no que non estaba aprobado e motivo polo que se celebrou este acto no día de onte.

O regulamento establece nos artigos 23 e 24 o procedemento de imposición da Medalla do Alcalde e dos Concelleiros ou Concelleiras. O artigo 23 establece que a Alcaldía do Concello de Monforte de Lemos ostentará como atributo  de representación unha medalla específica. Será de prata de lei con baño de ouro,  en forma de óvalo alargado, en sentido perpendicular de 5 cm de alto e 4,5 cm de ancho; no que figurará no centro do anverso, en relevo e con incrustacións de esmalte, o campo do escudo heráldico do Concello en medidas de 4 cm de alto por 2,5 cm de ancho, orlando o timbre coa coroa real e ó pé con caracteres en relevo a inscrición: Alcalde ou Alcaldesa. No reverso, sobre fondo azul terá unha lenda en dourado: Excelentísimo Concello de Monforte de Lemos. O cordón da Medalla terá as cores da bandeira galega, branco e azul.

No mesmo artigo tamén se establece que a imposición da Medalla realizarase no solemne acto de constitución da Corporación Municipal, unha vez proclamado Alcalde ou Alcaldesa, correspondéndolle esa honra á persoa que presida a mesa de idade. Como na data da Constitución da Corporación Municipal o Reglamento de Honras e distincións do Concello de Monforte non estaba aprobado, e non se puido realiza, ó non haber mesa de idade na data de onte, a Medalla de Alcalde foille imposta a José Tomé Roca, Alcalde de Monforte de Lemos, pola Secretaria Accidental Mª Luisa Quiroga Dapena.

Unha vez realizada a imposición da Medalla a José Tomé, o Alcalde procedeu, tal e como establece o artigo 24 do Regulamento, á imposición da Medalla de Concelleiro ou Concelleira ó resto de membros da Corporación Municipal que a ostentarán como atributo da representación do seu cargo e que é idéntica á do Alcalde, pero no anverso, orlando ó pe coa inscrición de Concelleiro ou Concelleira.

A Medalla unicamente a ostentará o titular da mesma, mentres  ocupe  dito  cargo, podendo utilizala coincidindo coa celebración de actos institucionais, solemnes ou outras ocasións e acontecementos oficiais e así se consideren en virtude da representación que ostentan.

O Alcalde tamén lles entregou ós membros da Corporación Municipal a Insignia do Concello de Monforte de Lemos que é unha reprodución en miniatura do escudo oficial do Concello.