O Alcalde participou na chegada de La Vuelta a Monforte cunha excelente acollida da veciñanza

Monforte de Lemos, 7 de setembro de 2025. O Alcalde de Monforte de Lemos e Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este domingo na chegada á Monforte de La Vuelta, que fixo meta nunha concorrida Praza da Compañía, e foi o encargado de entregar o premio a Mads Pedersen, o ciclista que se proclamou gañador da 15 etapa. O rexedor asistiu tamén ao inicio da carreira na localidade asturiana de Vegadeo e seguiu en directo todo o percorrido, acompañado polo Director Xeral desta competición ciclista, Javier Guillén.

No acto de benvida e recepción dos ciclistas en Monforte, que tivo lugar na rúa Escultor Francisco Moure, diante dos Escolapios, participaron tamén a Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e Concelleiros e Concelleiras do Equipo de Goberno e do resto da Corporación municipal.

A chegada da proba ciclista á cidade monfortina tivo una excelente acollida e foi presenciada por numerosos veciños e veciñas do concello e da súa contorna, que se achegaron tanto as rúas polas que discorreu a carreira, como á zona de meta: rúa Morín, rúa Doutor Casares, Ronda María Emilia Casas Baamonde, rúa Chantada, Avenida de Galicia, rúa Celso Emilio Ferreiro e rúa Escultor Francisco Moure.

José Tomé destacou o “alto impacto deportivo, mediático e internacional” deste evento deportivo: “La Vuelta é, sen ningún tipo de dúbida, unha plataforma de proxección mundial, un evento que está na élite do ciclismo mundial, á altura do Giro de Italia ou o Tour de Francia”.

Neste senso, sinalou tamén que “trátase dunha proba que, entre organización, equipos e medios, mobiliza unhas 3.000 persoas. Polo que estamos a falar dun elevadísimo impacto económico directo que, segundo os informes técnicos, sitúase arredor do 1,9 millóns de euros para a nosa provincia. Ademais, non podemos esquecer que La Vuelta se retransmite en 190 países, cunha audiencia global de arredor de 400 millóns de persoas”.

O Concello de Monforte colabora cos gastos da chegada de La Vuelta á cidade, complementando o convenio que a Deputación de Lugo asinou coa entidade organizadora Unipublic para que Monforte puidera ser fin de etapa, coas repercusións positivas que esto ten. De feito, a chegada de La Vuelta á provincia de Lugo, con final na cidade do Cabe, supón unha promoción mundial de primer nivel do patrimonio histórico, artístico, cultural e natural de Monforte, e dinamiza sectores como a hostalaría, o turismo ou o comercio local.

O Alcalde e Presidente da Deputación de Lugo agradeceu aos monfortinos e monfortinas a súa colaboración e implicación con este importantísimo evento, ateigando as rúas da cidade para asistir ao fin da etapa.

Etapa 15 de La Vuelta

A etapa 15 de La Vuelta contou cun perfil de media montaña e un percorrido de 167 quilómetros de lonxitude. Tras iniciarse en Vegadeo e pasar por municipios como San Martín de Oscos ou Santa Eulalia de Oscos, atravesou os concellos da Fonsagrada, Baleira, Castroverde, O Corgo, Láncara, Sarria, O Incio e Bóveda, para culminar en Monforte de Lemos, capital da Ribeira Sacra.