O Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación, José Tomé Roca, salienta a excelencia dos viños da Ribeira Sacra na XXIX Cata celebrada en Pantón

Monforte de Lemos, 11 de xullo de 2025. O Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou na tarde de hoxe no acto de entrega de premios da XXIX Cata dos Viños da Ribeira Sacra, celebrado no IBERIK Augas Santas Balneario & Golf de Pantón.

Tomé Roca destacou “a altísima calidade dos viños que se están facendo na Ribeira Sacra, viños de primeiro nivel, á vangarda no mercado e xa recoñecidos e apreciados a nivel internacional”. Tamén puxo en valor o traballo dos viticultores, adegueiros da comarca e o traballo que desenvolve a Denominación de Orixe, afirmando que “son un exemplo de compromiso coa terra, coa tradición e coa innovación”.

A cata, organizada polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, contou coa participación de 21 adegas e 65 mostras, entre viños brancos, tintos e doutras añadas. Os premios entregados foron elaborados polo artesán José Elías González Prieto, do Centro de Alfarería de Gundivós, unha mostra máis do vínculo entre o viño e a cultura da Ribeira Sacra.

José Tomé salientou o seu compromiso para apoiar este sector tanto dende o Concello de Monforte, tal e como se demostra coa organización do Festival do Viño da Ribeira Sacra celebrado este fin de semana pasado como dende a Deputación de Lugo que continua apoiando un sector estratéxico para o desenvolvemento económico e turístico da provincia, apostando por produtos de calidade que definen a identidade da Ribeira Sacra no mundo.