O Alcalde participa na inauguración do novo túnel de Oural que “marca un antes e un despois nas comunicacións ferroviarias da provincia de Lugo e especialmente de Monforte”

Monforte de Lemos, 22 de setembro de 2025. O Alcalde de Monforte de Lemos e presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou esta tarde, xunto ao Delegado do Goberno, Pedro Blanco Lobeiras, e o Alcalde de Lugo, Miguel Fernández Méndez, na inauguración do novo túnel de Oural, a infraestrutura dun total de 1,9 quilómetros de lonxitude que entrará en servizo mañá martes, 23 de setembro. Esta actuación forma parte dun investimento histórico: 626 millóns de euros para renovar integralmente a liña Ourense-Monforte-Lugo.

Nun acto no que tamén pa rexedor destacou que “hoxe é un día de gran satisfacción para toda a provincia, e en particular para Monforte, porque o Túnel de Oural representa unha das maiores apostas en infraestruturas ferroviarias en décadas. Grazas á vontade política esta actuación, que foi todo un reto de enxeñaría e nas que chegaron a traballar case 500 persoas, permitirá cumprir varios obxectivos: mellorar o estado da infraestrutura, aumentar a fiabilidade das liñas e garantir a calidade do servizo ferroviario”.

Tomé destacou tamén que “esta infraestrutura marca un antes e un despois para as comunicacións ferroviarias da provincia de Lugo, e especialmente de Monforte. A súa posta en marcha significa que hoxe a provincia de Lugo dá un paso adiante en materia de modernización deixando atrás anos de esquecemento que prexudicaron directamente a conexión ferroviaria co resto de comunidades”.

Fixo especial fincapé en que “estes anos de Goberno socialista marcaron un punto de inflexión para a provincia de Lugo, cun investimento en infraestruturas que supera os 746 millóns de euros para a modernización da liña ferroviaria Ourense-Monforte-Lugo, a nova Estación Intermodal de Lugo ou a rehabilitación estrutural da A-6”.

A este acto de inauguración tamén asistiu a Subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, o Concelleiro de Dinamización Económica do Concello de Lugo, Mauricio Repetto, e o director xeral de Operacións e Explotación de ADIF, Raúl Míguez.

 

Posta en marcha do novo túnel

O túnel histórico de Oural que estivo en servizo desde finais do século XIX reconverterase en galería de evacuación para garantir a seguridade en caso de emerxencia e contará con tres saídas cada 500 metros aproximadamente, aptas para vehículos de mantemento e servizos de emerxencia, mentres o novo túnel disporá de pasos biviais que permitirán o acceso de vehículos rodados á vía.

A actuación conta con financiamento europeo a través do Plan de Recuperación, no marco do programa NextGenerationEU e contribúe aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible en materia de infraestruturas sostibles e de calidade, sustentabilidade enerxética e xeración de emprego.

 

Modernización da liña Ourense-Monforte-Lugo

O proxecto enmárcase na modernización integral da liña Ourense–Monforte–Lugo na que Adif mobilizou un investimento global de 626 millóns de euros dos cales xa se executaron máis de 507. O Plan tamén comprende a renovación da vía do balasto e das travesas entre Monforte e Lugo; a electrificación do tramo Monforte–Lugo e a adaptación a 25 kV do tramo Ourense–Monforte; o reforzo de 56 pontes e túneis ademais de desmontes e terrapléns; a implantación de novos sistemas de sinalización e telecomunicacións; a modernización das estacións de Monforte, Sarria, Rubián, Oural e Laxosa así como a construción da nova estación de Lugo; a implantación do Bloqueo de Liberación Automática en Vía Única entre Monforte e Lugo Mercadorías e dun novo paso inferior en Monforte; e a posta en marcha dunha nova subestación eléctrica en Oural, entre outros.