O Alcalde da a coñecer o cartel do Festival Carude Rock xunto cos organizadores do certame, que o Concello apoia con 4.000€

Monforte de Lemos, 4 de agosto de 2025. O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, ven de dar a coñecer a que será a 10ª edición do festival Carude Rock, que se celebrará no barrio de Carude da cidade do Cabe, o venres e sábado días 8 e 9 de agosto, a partir das 20:30 horas. Este festival leva por lema “Carud’e y Tú”.

Na presentación, o Alcalde estivo acompañado polos organizadores do festival: José Luís Vázquez “Lito”, Dolores Díaz, Juan Dieguez, Brais Rodríguez, Manuel Rodríguez (Chusco) e Sergio Díaz, ademais da 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada.

O festival nace dende a Asociación de Veciños do Barrio de Carude no ano 2016 como parte da programación das festas do barrio en honor a San Lázaro, pero dada a entidade propia que adquiriu, a Asociación considerou beneficioso pasar a súa celebración a datas independientes das festas, tal e como se está a facer dende o ano 2019.

O obxectivo do Carude Rock, un festival que conta co apoio do Concello de Monforte é, en verbas do Alcalde “ un bo escaparate para que os grupos da nosa bisbarra e doutros puntos de Galicia, poidan dar a coñecer a súa música e facer desfrutar ó público con propostas de música en directo. Ademais, tal e como puntualizou José Tomé, supón unha importante actividade para o barrio de Carude, que esta fin de semana, estou seguro, recibirá a centos de visitantes.”

O Concello de Monforte subvenciona cunha axuda de 4.000 euros ó Festival Carude Rock, subvención que foi incrementada a todas as asociacións sen ánimo de lucro, nos últimos anos polo Equipo de Goberno, para favorecer e fomentar que as asociacións de Monforte programen eventos culturais de interese para a cidade.

Deste xeito, o Carude Rock contará coas seguintes actuacións, todas elas de balde e que terán por escenario a praza de Carude:

-7 Rojo

-A Pelo

-Tregua

Que actuarán o venres día 8 de agosto a partir das 20:30 horas e

-Doc Magoos

-Sintrom Ni Son

Que actuarán o sábado día 9 de agosto a partir das 20:30 horas.

O Alcalde quere felicitar aos organizadores do Festival polo seu traballo e continuidade na organización deste evento xa consolidado, ó cumprirse oito anos do seu nacemento e anima a todos os monfortinos, visitantes que se atopan na cidade e a todo o resto de persoas que queiran desfrutar dun  fin de semana de música en directo ó aire libre, a vir ó Carude Rock este fin de semana, venres e sábado, días 8 e 9 a partir das 20:30 horas.