O Alcalde presenta uns Orzamentos para 2026 que superan os 18M€ e poñen o foco nas persoas: “Máis gasto en servizos sociais e conxelación de taxas e impostos”

Monforte de Lemos, 17 de novembro de 2025. O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, compareceu hoxe na Sala de Xuntas do Concello ante os medios de comunicación para dar conta do proxecto dos Orzamentos Municipais para 2026, “os máis sociais da historia de Monforte”, que superan os 18M€ e poñen o foco nas persoas aumentando o gasto nos servizos sociais e mantendo conxeladas as taxas e os impostos municipais. Un proxecto presentado por undécimo ano consecutivo “en tempo e forma, cumprindo co compromiso que adquirín cos monfortinos e monfortinas no ano 2015, cando cheguei a Alcaldía”. José Tomé incidiu, ademais, no feito de que ningún Goberno anterior no Concello de Monforte mantivera conxelados os impostos e as taxas durante un período tan longo: 11 anos.

O rexedor deu conta do proxecto económico do seu Equipo de Goberno acompañado pola Tenente de Alcalde e Concelleira de Facenda, Gloria Prada, e avanzou que o orzamento será sometido a debate e aprobación no vindeiro Pleno ordinario do Concello, o luns 24 de novembro, para que poida entrar en vigor en xaneiro de 2026.

 

Aumento dos ingresos nun 3,49%

No repaso das cifras económicas, José Tomé detallou que “a previsión de ingresos e de gastos do orzamento para o ano 2026 é de 18.424.200€, case 18,5 millóns de euros, o que supón un incremento con respecto a 2025 de 621.406€, é dicir, do 3,49%”.

Destes ingresos, 5.588.254€ corresponden á participación nos Tributos do Estado, e 749.646€ proceden dos Fondos de Cooperación cos Concellos da Xunta de Galicia. Neste caso, Tomé apuntou que “é evidente que o Goberno da Xunta, outro ano máis, non ten intención de axudar aos Concellos”.

Na previsión de ingresos dos servizos económicos municipais en base á execución das contas deste ano, o Alcalde detallou polo miúdo algúns dos que merecen unha especial atención. É o caso do IBI, que redúcese en 140.000€ con respecto ao ano 2025, cun ingreso previsto de 4.150.000€, un 3,37% menos, “mantendo desde que chegamos ao Goberno, o mesmo gravame que había cos anteriores, sen incrementar nada”, incidiu o rexedor.

A partida correspondente á taxa de lixo, sube 86.837 euros, pasando de 1.700.000€ en 2025 a 1.786.837€ en 2026, un 5,1% máis, “debido ao incremento do canon de Sogama, que xa diferenciamos no recibo, igual que ocorre co recibo da auga, no que por un lado figura o consumo e por outro o canon”, explicou o Alcalde.

No referido á Piscina Municipal, Tomé recordou a recente posta en marcha das instalacións trala importante reforma integral acometida e avanzou que “xa posta en marcha, prevense uns ingresos de 304.164€”.

Todo elo, xunto cos demais ingresos e as aportacións de Tributos do Estado e do Fondo de Cooperación, elevan o montante a 18.424.200€, sen necesidade de concertar ningún préstamo. Neste senso, o rexedor indicou que neste orzamento “non temos previsto solicitar ningún préstamo, salvo que ó longo do ano fose necesario para complementar algunha inversión”.

 

Gastos previstos

O capítulo 1, correspondente aos gastos de persoal, ascende a 5.972.140€, 210.836€ por riba da anterior, o que supón un aumento do 3,65% respecto ao orzamento de 2025. O rexedor indicou na presentación das contas que “esta subida corresponde ao previsible incremento salarial que se estableza para o conxunto do Estado”.

Así mesmo, detallou que nesta subida “tamén queda reflexada a cobertura de novos postos, tendo especial relevancia o incremento de 2 prazas na plantilla da Policía Local, que pasa de 18 a 20 membros, 1 axente por cada 1.000 habitantes”, destacou. Créase tamén 1 praza de Educadora Social para Servizos Sociais e 1 praza de Arquitecto para o Servizo de Urbanismo.

No capítulo 2, correspondente ao gasto corrente, a partida total é de 10.127.264€, fronte os 9.415.157€ de 2025, polo que increméntase en 712.107€, o que representa un aumento porcentual do 7,56%. “Isto é debido principalmente á aportación de 65.500 euros de gasto para o SAF, e ao incremento do lixo, dado que sube o IPC, tal e como ven establecido no contrato, nun 2,40%”, indicou o Alcalde.

Neste punto detallou que aumenta tamén o gasto no Punto Limpo, que terá un incremento de 34.411€, pasando de 60.000€ a 94.411€ en 2026, e lembrou que “a limpeza e mantemento dos parques, o coste da enerxía eléctrica das diferentes dependencias municipais, ou o incremento xeral que se da en diferentes servizos prestados dende o Concello, tamén se inclúe nesta partida de gasto corrente”.

Mención especial fixo do servizo de Axuda a Domicilio, “que figura como gasto corrente, aínda que, como digo sempre, para min non é un gasto, senón que é unha inversión nas persoas”.

No capítulo 4, relativo a subvencións e transferencias, a partida total é de 1.228.924€, fronte aos 1.202.857€ de 2025, polo que aumenta en 26.066€, o que significa unha suba do 2,17%, debido a incrementos en subvencións en deportes e subvencións nominativas a entidades.

Nos Capítulo 6 e 7, o Alcalde detallou que o importe destinado a inversións para o ano 2026 ascende a 1.021.923€, fronte a cantidade de 1.014.079€ de 2025, é dicir, 7.844€ menos, un 0,77% menos. “A isto hai que engadir que temos moitos convenios en marcha e crédito retido en proxectos xa comprometidos, polo que o capítulo de investimentos vai ser moito maior”, indicou.

 

Expansivos, sociais e inversores

O Alcalde fixo especial fincapé no carácter “expansivo, social e inversor” do proxecto económico para 2026. “Este orzamento é froito do rigor e da boa xestión económica deste Equipo de Goberno, e do traballo que vimos realizando desde que estamos ao fronte deste Concello, hai máis de 10 anos”.

Neste senso, destacou que o orzamento sustentase en “dous piares fundamentais”, que son os servizos sociais e as inversións. “Queda claro que son, efectivamente, sociais, porque o noso obxectivo son as persoas, e que todos os veciños e veciñas que o necesiten, teñan a seguridade de que o Concello vainos apoiar”, dixo.

 

Os SERVIZOS SOCIAIS, un dos piares básicos dos orzamentos

A atención ás persoas é un dos piares fundamentais do orzamento para 2026. No gasto social previsto nas contas presentadas hoxe destaca a partida de 2.008.000€ destinada a Servizo de Axuda no Fogar, fronte aos 1.942.500€ de 2025, 65.500€ máis, o que supón un incremento do 3,37%.

Mantense a partida de emerxencias sociais en 75.000€ en 2026, e crece de xeito destacado a aportación ao programa Xantar na Casa, que contará con 64.855€ en 2026, fronte aos 44.000€ de 2025. O Alcalde puxo en valor o aumento desta contía en 20.855€ o vindeiro ano, “un 47,39% máis, eliminando a lista de agarda neste servizo”.

Recordou que este programa está financiado cun 46,66% pola Xunta, mentres que o Concello e os usuarios asumen o 53,34€ restante. “As competencias deste programa son da Xunta de Galicia, pero nós asumimos gran parte do seu custe porque este servizo é moi importante, xa que grazas a el, moitos maiores poden seguir mantendo nos seus fogares unha alimentación saudable e sen esforzo. Deste xeito, damos cobertura total aos solicitantes deste programa, 45 persoas na actualidade, de xeito que ninguén quede sen recibir este servizo”.

Aumenta tamén a partida do Programa Activa, impulsado polo Equipo de Goberno liderado por José Tomé, e que en 2026 aumentará ata as 600 prazas. “Xunto ao Plan Activa, incrementamos a partida correspondente ás actividades do Campamento Deportivo de Verán, xa que neste caso priorizamos a conciliación de pais e nais durante o período estival. Ademais estamos atendendo a nenos e nenas con necesidades especiais, e queremos seguilo facendo”. A partida aumenta en 21.000€, pasando de 80.000€ en 2025 a 101.000€ en 2026, un 26% máis.

O orzamento do CIM pasa de 20.000€ a 30.000€, un 50% máis.

No apartado das axudas á adquisición de libros de texto, a partida aumenta ata os 35.000€, 5.000€ máis que en 2025, o que supón un 17% de incremento.

As axudas destinadas ao transporte para estudantes universitarios e de ciclos formativos ascende a 25.000€, 10.000€ máis (+66%) que no exercicio anterior, para cubrir os gastos das viaxes dos estudantes monfortinos fora da nosa cidade.

No referido ao transporte escolar no municipio, mantense a partida de 25.000€, por ser o que figura no contrato. Así mesmo, mantense a gratuidade do Bus Urbano, que custa 76.975€ e que utilizan más de 65.000 usuarios ao ano.

Ademais, o Alcalde lembrou que “en 2026 estará en funcionamento un servizo novidoso que vai beneficiar ás persoas que viven nas parroquias: o Bus Rural, cun custe de 67.074€”.

No caso da Gardería municipal, o importe destinado a este servizo no orzamento de 2026 ascende a 154.540€, fronte aos 145.952€ en 2025, dándose un incremento de 8.588€, un 5,88% máis. Deste xeito, o Concello sufraga arredor do 95% dos custes da Gardería. O rexedor destacou o apoio do seu Equipo de Goberno ás familias e lembrou que a gratuidade da gardería de Monforte “débese ao Concello, non á Xunta de Galicia, que nin constrúe nin axuda. Esta volve ser unha competencia que debería asumir a Xunta, pero a pesar da crecente demanda, non quere construír unha escola infantil en Monforte, o que leva a que haxa usuarios que se queden sen praza”, criticou.

No referente aos gastos, mantense a partida de 12.000€ para o Conservatorio municipal e a Escola de Música; 15.000€ para as asociacións culturais, e 12.000€ para as entidades sociais.

Para o conxunto das actividades culturais durante o ano 2026, aumenta a partida en 40.000€, pasando de 100.000€ a 140.000€, un 40% máis.

 

Outro dos piares fundamentais do Equipo de Goberno: as INVERSIÓNS

Para inversións, o Executivo de José Tomé destina en 2026 1.021.923€, nos que están incluídas partidas como a aportación de 289.137€ para a nova EDAR do Polígono Industrial do Reboredo; 67.000€ para a Ronda Urbana e 50.000 para a Senda Peonil.

O Alcalde puxo en valor a contía de 30.000€ destinada á creación neta de emprego por parte das empresas e autónomos, unida “as importantes bonificacións incorporadas no ICIO, IBI e IAE para a creación de emprego”, enfatizou, “o cal demostra o noso compromiso co emprego, e por iso temos a cualificación de Concello Emprendedor”.

O Orzamento 2026 aumenta tamén a partida dirixida ao fomento do deporte no referente a actividades e axudas a clubs, deportistas individuais, participación en campionatos de España, europeos ou mundiais.

O rexedor avanzou tamén o incremento das aportacións para eventos festivos como a Feira Medieval, “co obxectivo de acadar o seu recoñecemento como Festa de Interese Turístico de Galicia”; o Festival do Viño, “para reforzar a promoción dos viños do conxunto da Ribeira Sacra”, e as Festas Patronais, “polas que seguiremos apostando con forza, cun orzamento semellante ao de 2025 no apartado musical, que se incrementará se fora necesario como vimos facendo todos este anos”, indicou.

En canto as subvencións para as festas das parroquias e dos barrios de Monforte, a partida, é de 25.000€, asignando a mesma cantidade de 1.000€ a cada parroquia ou barrio que a solicite.

En definitiva, concluíu José Tomé, “estes orzamentos son, un ano máis, os máis sociais da historia do Concello de Monforte e son uns orzamentos mellorados ano a ano, pensados unicamente por e para os monfortinos e as monfortinas, é dicir, pensados por e para Monforte de Lemos”.