O Alcalde presenta o Programa das Festas Patronais 2025 de Monforte que volve a ser referencia en toda Galicia.

Monforte de Lemos, 26 de xullo de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola primeira Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e a Concelleira de Cultura, Marina Doutón, deu a coñecer hoxe o programa completo das Festas Patronais 2025, que se van celebrar do 11 ó 16 de agosto na cidade do Cabe.  

“Unhas Festas Patronais que manteñen a esencia que tiveron nos últimos 10 anos, con 6 concertos principais, acompañados de orquestras que farán un previo e un posterior peche das actuacións tratando de que o horario musical das festas co carácter xeral, se inicie ás 10:30-11 horas da noite e remate entorno ás 4 da madrugada” indicou o rexedor monfortino.

O Alcalde recordou que foi no mes de xuño cando se anunciaron os concertos musicais das festas e sinalou que “estamos convencidos de que os concertos programados van ser capaces de encher o recinto das Festas, debido á calidade das actuacións e tamén debido ó variado dos estilos musicais”.

O inicio das Festas terá lugar o 11 de agosto coa lectura do Pregón, a cargo da historiadora monfortina Dona Manuela Sáez González. Tras o lanzamento do foguete e o encendido da iluminación artística, como é habitual, haberá unha actuación musical, na praza de España, a cargo da formación tradicional A Roda, expoñente da música tradicional en Galicia e con mais de 47 anos de traxectoria.

PROGRAMA MUSICAL DAS FESTAS PATRONAIS

O Alcalde recordou o programa de actuacións musicais, que xa foran anunciadas no mes de xuño, ás que se engade a actuación do día 10 na praza de España, que non fora anunciada no seu momento.

-Luns día 11 de agosto:

  • 20:30 h.- Pregón, a cargo de Dona Manuela Sáez González, na Casa do Concello, logo da intervención institucional do Alcalde, José Tomé Roca.
  • 22:30 h.- A RODA, na Praza de España .

-Martes día 12:

  • 22.30 h- Grupo América de Vigo, na praza da Compañía
  • 22:30 h.- Orquestra do Conservatorio Municipal Mestre Ibañez, na praza de España
  • 00:00 h.- Orquestra PANORAMA, na praza da Compañía
  • 02:00 h.- Grupo América de Vigo, na praza da Compañía
  • 03:30 h.- Orquestra PANORAMA, na praza da Compañía

-Mércores día 13:

  • 22:30 h.- As Searas, na praza de España
  • 23:00 h.- Orquestra Galilea, na praza da Compañía
  • 00:00 h.- COQUE MALLA, na praza da Compañía
  • 01:30 h.- Orquestra Galilea, na praza da Compañía

-Xoves día 14:

  • 21:30 h.- Baile-Concerto da Banda d Acordeóns O Folión, na Praza de España
  • 22:30 h.- Grupo monfortino Movilla y los irrepetibles, na praza da Compañía
  • 00:00 h.- DORIAN, na praza da Compañía
  • 01:30 h.- Grupo monfortino Gin Toni’s, na praza da Compañía

-Venres día 15:

  • 20:30 h.- Mostra de danza e música tradicional, na praza de España
  • 23:00 h.- Orquestra Suavecito, na praza da Compañía
  • 00:00 h.- Fogos Artificiais dende San Vicente
  • 00:30 h.- ABRAHAM MATEO, na praza da Compañía
  • 02:00 h.- Orquestra Suavecito, na praza da Compañía

-Sábado día 16:

  • 23:00 h.- Orquestra Salsarena, na praza da Compañía
  • 00:00 h.- Fogos Artificiais de Auga dende o río Cabe
  • 00:30 h.- NIL MOLINER, na praza da Compañía
  • 02:00 h.- Orquestra Salsarena, na praza da Compañía

Tamén durante a celebración das Festas Patronais, terán lugar as actuacións, entre outros, do grupo de batucada Os Xograres de Lemos, a Orquestra de Música do Conservatorio do Concello de Monforte, o grupo de batucada Batuere-Tukupa, o grupo As Searas, a Asociación Amigos da Pandeireta de Monforte, a Banda de acordeóns O Folión, os grupos de Gaiteiros : Grupo de gaitas Gaiteiros de Lemos, Lemavos 1, O Cego da Veneira, Os Xograres, Merenzao, Lemavos 2, batucada Baturruca, e o grupo Gaitucada Aikirindo que amenizarán coas súas actuacións as tardes e noites dos días 12, 13, 14, 15 e 16 de agosto.

OUTROS EVENTOS DESTACADOS DO PROGRAMA DAS FESTAS

O xoves 15, Día da Patroa, a Virxe de Montserrat, terá lugar na igrexa de San Vicente recuperando así a tradición de celebrala neste tempo, unha vez rematadas as actuacións de mellora que se fixeron na mesma. A comitiva institucional encabezada polo Alcalde sairá do Campo de San Antonio ás 10:30 h. e a misa celebrarase ás 11 horas.

Tamén ese xoves 15 de agosto terá lugar o Día do Gaiteiro, no que alboradas de grupos de gaitas sairán pola mañá e percorrerán diferentes rúas da cidade.

Pola tarde, na Praza de España terá lugar a Mostra de Danza e Música Tradicional na praza de España. En ambos casos, a maioría de grupos de gaitas e de danza son de Monforte.

Pola noite, antes dos Fogos de San Vicente e as actuacións musicais, as Barcas tradicionais engalanadas farán un percorrido polo río Cabe, a partir das 23:30 h.

O Programa das Festas tamén inclúe a undécima edición do Festival Cómico Festivo “A Rúa é Vosa”, os días 12, 13, 14 e 16 de agosto, e terá como escenarios a Praza de España e a rúa Cardeal. O programa deste festival contará coa participación de 6 grupos, e os protagonistas serán a música, a maxia, as acrobacias aéreas, os paiasos, os monicreques, o mimo, o circo e a danza.

COLABORACIÓNS

Como é habitual, o programa conta con catro artigos de colaboración.

O elaborado por Luis Manuel Palacios López, xerente da área de mantemento de Galicia de ADIF titulado “Primeira supresión de pasos a nivel na historia de Monforte de Lemos”, o de Felipe Aira Pardo, “A casa blasonada da rúa Ventaniña, berce de destacados monfortinos”, o de Miguel Piñeiro, “O deporte en Monforte”, e o de Luis Conde Carnero, “Unha piscina para o século XXI”.

PROGRAMA DO VERÁN CULTURAL

“O programa de Festas Patronais que presentamos hoxe e que teñen vostedes aquí, recolle ademais un completo Programa Cultural do Verán, que se desenvolve nos meses de xullo, agosto e setembro no que teñen especial cabida os grupos e músicos monfortinos, nunha aposta decidida do Equipo de Goberno polos nosos artistas locais”, apuntou o rexedor monfortino.

O Alcalde destacou así as principais novidades do Verán Cultural:

Ciclo de Concertos de Grupos de Monforte

Este ciclo foi unha das principais novidades do Programa de Verán de 2022 e 2023, e “dado o éxito acadado, volvemos a incluílo na programación do pasado verán de 2024, e este ano, seguimos apostando decididamente por darlle protagonismo á actuacións de grupos monfortinos. Tan é así o éxito acadado, que se constituíron novos grupos de músicos locais”, indicou José Tomé.

Desenvolverase do 18 de agosto ó 3 de setembro, en 3 ubicacións que son a Praza da Compañía, a Praza da Estación e a Praza de España. Os grupos protagonistas deste ciclo serán:

  • O luns día 18 de agosto: Cerodouscero e Malenne, , na Praza da Compañía.
  • O martes 19 de agosto: Cool Flanders e Dinosaurios na Praza de España.
  • O mércores 20 de agosto: El Mundo de Sofía BandSegunda Parte na Praza da Estación.
  • O luns 1 de setembro: Deloreans e Los Jinetes del Trópico, na Praza da Compañía.
  • O martes 2 de setembro: Nectarine Soul e Deuce, na Praza da Estación.
  • O mércores 3 de setembro: Galga Blues Band e Bella Chaos na Praza da Estación.

Gala de Maxia

O domingo 10 de agosto terá lugar esta gala de maxia, na praza de España, a partir das 22:30 h, coas actuacións do Mago Rafa, Mago Lore Laband, Maga Dania Diaz e o Mago Iago.

Ademais destas novidades, no programa de Verán Cultural non faltarán citas que xa son habituais nel como:

  • Os Paseos en Barca polo Cabe, durante os meses de xullo, agosto e setembro.
  • A 25ª Mostra Artelemos, do 1 ó 6 de agosto.
  • A Exposición de Carteis do XX  Concurso de deseño de carteis das Festas Patronais, do 7 ao 17 de agosto.
  • O Festival Carude Rock, do 8 ó 9 de agosto.
  • A Festa da Empanada de Ribasaltas, o domingo 17 de agosto.
  • A XXVI Feira do Libro de Monforte, do 20 ó 23 de agosto.
  • O I Ciclo de Cine-Concertos na Contorna. Proxección de “O Navegante” de B.Keaton o 6 de setembro.
  • A Xornada Europea da Cultura Xudía, o domingo 7 de setembro.
  • O Final da XV Etapa de La Vuelta Ciclista a España 2025- Final de Etapa en Monforte, o domingo 7 de setembro.
  • E a Festa do San Mateo da parroquia de a Parte o domingo 21 de setembro, que pechará o Programa Cultural de Verán.

Unhas Festas Patronais e un Verán Cultural esenciais para a dinamización económica da cidade

Logo do relatorio das principais actividades sinaladas polo Alcalde para os meses de agosto e setembro, destacou que “por todo o exposto, creo que cumprimos co noso compromiso de seguir organizando cada ano unhas Festas Patronais e un Programa do Verán Cultural acordes co que merece a nosa cidade, dando un salto de calidade, e tamén acorde co que necesita o noso tecido produtivo como é o comercio, a hostalería e todo o relacionado co mundo do turismo”.

“Porque”, continuou José Tomé, “tanto as Festas Patronais como o Programa de Verán son un revulsivo económico que sen dúbida axuda a moitas pequenas empresas durante o verán, especialmente durante as Festas Patronais.”

Ademais, cabe recordar que todos os concertos e actividades tanto das Festas como do Verán Cultural son de carácter gratuíto, e inclúen unha gran variedade de estilos e propostas para todo tipo de públicos.

“As Festas de Monforte son algo máis que unhas festas patronais” salientou o rexedor monfortino engadindo que “hoxe xa se fala das Festas de Monforte como un referente non só no sur da provincia, senón tamén en outras moitas zonas de Galicia, e de todo o Noroeste peninsular, e creo que co programa musical que as protagonizarán este ano, vas supor un rotundo éxito para o noso Concello.  Por iso espero que sexan moitos os galegos e galegas que visiten Monforte atraídos pola calidade dos nosos concertos”.

“En resumo”, concluíu o Alcalde, “creo que este ano, as Festas Patronais teñen de novo un programa musical excelente, á altura dos últimos anos, tanto no que se refire ós concertos, como o que se refire ás orquestras que acompañan ás actuacións principais. En resumo, creo que o Programa que elaboramos para as nosas Festas Patronais deste ano 2025 e para o noso Verán Cultural, é un moi bo programa que pretende que as Festas Patronais sexan cada vez máis as festas de todos, que traspasan o noso ámbito”.

As festas de todos tamén se escenifican no alumeado, onde se van colocar 269 arcos en 63 rúas que abarcan todos os barrios da cidade, e suporán a iluminación a través de 1 millón de luces LED, similar ás luces de Nadal”.

“Quero trasladarlle ós veciños e veciñas de Monforte e ás persoas que nos visitan, que teñan a certeza de que dende o Equipo de Goberno seguimos apostando pola variedade e pola calidade das nosas Festas, unha liña que iniciamos ao chegar eu a Alcaldía no ano 2015”.

José Tomé concluíu a súa intervención desexando a todos os monfortinos e monfortinas unhas felices Festas, e tamén a todos aqueles que visitan o Concello, e animounos a todos a participar e a disfrutar activamente nelas.

 Programa Festas Patronais 2025