Monforte de Lemos, 19 de xuño de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola primeira Tenente de Alcalde, Gloria Prada, os Concelleiros de Servizos, José Luis Losada, e pola coordinadora de Servizos Sociais do Concello, Luz Méndez Castro, clausuraron onte pola tarde o Programa Activa 2024/2025 que nesta edición tivo unha participación de 641 usuarios repartidos tanto no Centro Cívico da cidade como nas Parroquias.
“Para min, como Alcalde, é unha enorme satisfacción celebralo porque é un dos principais compromisos adquiridos por min, consciente da necesidade que teñen os nosos veciños e veciñas, especialmente os máis maiores, de sentirse útiles e activos” explicaba o Alcalde de Monforte aos veciños presentes no acto de clausura.
O Programa Activa é un ambicioso proxecto ideado polo Executivo de José Tomé que desenvolve ó longo de 8 meses un gran abanico de actividades de ocio e tempo libre.
Obxectivos e resultados
Os obxectivos marcados dende o Equipo de Goberno do Concello, pasan por favorecer o envellecemento activo e ademais mellorar a calidade de vida dos nosos maiores fomentando as relacións e os intercambios interxeracionais, así como a aprendizaxe de novos coñecementos.
Con esta finalidade, déuselle prioridade de participación aos maiores de 55 anos, que son os que máis precisaban deste tipo de actividades para volver á normalidade, e gozar dunha vida máis saudable e independente.
“Dende os Servizos Sociais”, subliñou o José Tomé, “fíxose un traballo excelente do que se beneficiaron 15 grupos con 437 participantes no Centro Cívico, 75 máis que en 2023-24, un 17% máis e 13 grupos con un total de 204 persoas nas parroquias, 42 mais que na edición anterior, incrementándose nun 26% a utilización deste servizo nas parroquias.
En total, participaron no Programa Activa 2024-2025, en 28 actividades distintas, 641 persoas.
Das novas actividades propostas foron as de taichi e cerámica as que tiveron unha acollida excelente, de tal xeito que as persoas participantes nestas modalidades, solicitaron a continuidade destas actividades en futuras edicións.
Como en anos anteriores, todas as actividades foron gratuítas para os veciños e veciñas de Monforte, e subvencionadas ao 100% polo Concello monfortino.
Enquisa de satisfacción
Para coñecer a valoración dos usuarios do Programa, dende o Concello realizouse unha enquisa de satisfacción na que participaron 332 persoas, obtendo uns resultados excepcionais:
- Grao valoración de actividade: excelente/axeitado para o 98%.
- Grao de valoración de monitor: excelente/axeitado para o 99%.
Así mesmo, os participantes manifestaron sentirse máis activos, e valoraron en positivo o compañeirismo, o coñecer a persoas, o influxo positivo no seu estado de ánimo…
“Por iso creo que o obxectivo final do programa cumprímolo, que é promover un envellecemento activo a través dos aspectos físico, emocional e das relacións sociais” destacou o Alcalde, quen engadiu que “síntome enormemente satisfeito con estes resultados porque supoñen que mereceu a pena o esforzo que fixemos tanto en ampliación de prazos como na inversión que se fixo para costear o Programa”.
Por esta razón, e dado o éxito alcanzado e seguindo tamén co compromiso de mellorar a vida dos adultos maiores, o Alcalde anunciou que este ano volveranse a iniciar as actividades do Programa Activa no mes de outubro e, como nesta edición, manteranse ata o mes de xuño do 2026.
Por iso o Alcalde, convidou as asistentes a apuntarse ao programa, a realizar as actividades programadas e a desfrutar desta oportunidade de coñecer nova xente, de interrelacionarse con novas amizades e de manterse dinámicos e activos, recordándolles ós participantes, “que despois de 9 anos compartindo este esforzo, mais aló dun programa, isto xa é unha familia, a familia activa!”
O rexedor monfortino concluíu, agradecendo a participación dos 641 usuarios nesta edición de Programa Activa e felicitou á Coordinadora de Servizos Sociais e a todo o Grupo de Traballo que participou no mesmo, por estas valoracións tan positivas. “Eu síntome moi satisfeito de cumprir unha vez mais coa palabra dada de coidar e protexer a esta parte tan importante da nosa sociedade”.