Monforte de Lemos, 30 de xullo de 2025. A Sala de Xuntas do Concello de Monforte acolleu na mañá de hoxe a reunión ordinaria da Xunta Local de Seguridade das Festas Patronais 2025 co seguinte orde do día:
ORDE DO DÍA
1. Lectura e aprobación da acta da sesión anterior, se procede.
2. Dispositivo de seguridade con motivo das Festas Patronais e doutros eventos
que se celebren durante o verán.
3. Análise da situación da seguridade cidadá.
4. Plans operativos da Secretaría de Estado de Seguridade.
5. Rogos e preguntas.
Á xuntanza asistiron o Alcalde, José Tomé Roca, a Subdelegada do Goberno en Lugo, María Isabel Rodríguez, que co-presidiron a xuntanza, a Tenente Alcalde e coordinadora do Equipo de Goberno, Gloria Prada, que estiveron acompañados polos representantes dos distintos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado.
En representación da Policía Local asistiu o Inspector Xefe do Concello de Monforte, D. Miguel Martínez Díaz, en representación da Policía Nacional asistiron D. José Ramón Fernández López, Inspector Xefe e D. Celso Dacal Vázquez, Inspector da Comisaria de Monforte, representando ó Corpo da Garda Civil acudiron D. Samuel Lago Costas, Capitán Xefe do Subsector de Tráfico de Lugo e D. Carlos Raúl Sánchez Álvarez, Sarxento Xefe Interino do Destacamento de Tráfico de Monforte de Lemos ademáis do representante de Protección Civil e do representante do Corpo de Bombeiros, D. Tomás Losada Fernández, Sarxento do Consorcio de Bombeiros da Provincia de Lugo .
A xuntanza tivo por obxectivo analizar e organizar o dispositivo de seguridade con motivo das Festas Patronais da cidade, que darán comezo o luns 11 de agosto e que se estenderán ata o sábado 16 de agosto, e para as que se prevé unha gran afluencia de persoas, especialmente no momento das actuacións musicais.
José Tomé e Isabel Rodríguez avanzaron que haberá presenza permanente dos Corpos e Forzas de Seguridade para a prevención, o control e a seguridade dos veciños e veciñas, así como dos numerosos visitantes que cheguen a Monforte neses días, co obxectivo de conseguir o mellor desenvolvemento destas festas populares, destacando o magnífico resultado que esta colaboración institucional supuxo nas celebracións de pasadas edicións.
Dispositivos de seguridade durante as Festas Patronais
A xuntanza abordou en primeiro lugar os diversos dispositivos de seguridade que o Concello de Monforte precisará para as Festas Patronais de Monforte. Con respecto ao dispositivo que se porá en marcha, a subdelegada e o Alcalde detallaron a elaboración dun plan coordinado, en colaboración da Policía Nacional e a Policía Local, que ten como fin velar pola tranquilidade da cidadanía, garantir a orde pública e poder dar unha resposta rápida e eficiente no caso de que se producise calquera incidente.
Polo que respecta á Garda Civil, efectivos da mesma prestarán a súa colaboración na periferia da cidade, así como nos seus principais puntos de acceso, coa finalidade de levar a cabo controles de velocidade, alcoholemia e outras substancias que alteran a correcta condución de vehículos.
Na seguridade das Festas Patronais tamén colaborará unha patrulla da Policía Autonómica que centrará o seu traballo na prevención do consumo excesivo de alcol nas zonas cunha maior presencia de persoas.
O Alcalde tamén sinalou que durante o transcurso das Festas Patronais o Concello contará coa colaboración do Consorcio de Bombeiros, para previr calquera eventualidade relacionada con algún tipo de incendio, especialmente nos días en que se botarán os Fogos artificiais de San Vicente, o venres día 15, e os Fogos do Río, o sábado día 16 e detallou tamén o resto de servizos que o Concello poñerá a disposición dos cidadáns, para velar pola seguridade e integridade física de todos os veciños e veciñas, como é o servizo de ambulancia que terá presenza constante nos lugares de mais afluencia de persoas por si fixese falta a súa intervención, así como a presenza dos servizos da Caravana Morada, punto de seguridade, que se instalará nas inmediacións do Parque dos Condes e que informará e visibilizará o rexeitamento das violencias sexuais e sexistas, do acoso e agresións por motivos de xénero, de delitos de odio, así como de calquera tipo de violencia machista a través de profesionais especializados.
A maiores das Festas Patronais, José Tomé tamén abordou as necesidades que se precisarán para os restantes eventos con gran afluencia de persoas, que se celebrarán en Monforte en próximas datas, como son a etapa final de La Vuelta Ciclista a España o domingo 9 de setembro, as Festas de San Mateo que se celebrarán o 29 de setembro e o Acto de Xubileo 2025 que se celebrará en San Vicente o domingo día 10 de agosto.
A Subdelegada de Goberno, Dona María Isabel Rodríguez ademais de tratar do dispositivo de seguridade con motivo das Festas Patronais e doutros eventos que se celebrarán durante o verán, fixo partícipe aos membros da xuntanza dunha análise da situación da seguridade cidadá do Concello de Monforte, con un balance do ano 2024 do que se pode extraer que houbo un leve aumento da delincuencia con respecto ó ano anterior, aumentando os delitos contra as persoas, contra a liberdade sexual e contra o patrimonio.
O Alcalde valorou positivamente o resultado da reunión e “sobre todo o espírito de colaboración e a implicación de todos os corpos e forzas de seguridade do Estado”.