O Alcalde sumouse á IV Carreira e Andaina “Monforte en marcha contra o Cancro”, que superou os 650 participantes

 Monforte de Lemos, 14 de setembro de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, a Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e os concelleiros e concelleiras de Servizos, José Luis Losada; Consumo, Regina López, e Muller e Igualdade, Margarita López, participaron este domingo na IV Carreira e Andaina “Monforte en Marcha contra o Cancro”, acompañando ao Presidente da Asociación Española Contra o Cancro na provincia de Lugo, José Manuel Rozas Bello, así coma outros integrantes da asociación, e membros da corporación municipal.

O evento deportivo e solidario celebrouse este domingo 14 de setembro ás 12 do mediodía, nun circuíto urbano de Monforte dun percorrido de 5 quilómetros que tivo saída e chegada na Explanada da Compañía. Participaron máis de 650 persoas, desbordando as previsións da Asociación, que quedou sen camisetas e dorsais para os que quixeron inscribirse minutos antes da carreira e que igualmente fixeron o percorrido. Neste senso, a agrupación quixo agradecer aos monfortinos e monfortinas a súa implicación con esta causa solidaria, que recada fondos para a atención a pacientes e familiares e para investigación oncolóxica.

 O Concello de Monforte colaborou coa Asociación contra o Cancro no deseño do percorrido desta carreira, no que participaron tanto o Técnico de Deportes como a Policía Local. Para o seu correcto desenvolvemento, tamén se proporcionou o servizo de ambulancia, e as vallas necesarias para delimitar o circuíto. A Policía Local colaborou no corte e vixilancia do tráfico das rúas polas que transcorreu a carreira, que quedaron abertas trala finalización do evento.

O Alcalde, José Tomé, salienta a colaboración do Concello nesta iniciativa, “poñendo á disposición dos organizadores toda a maquinaria técnica e organizativa necesarias para que a carreira e andaina fose un éxito, como así foi”. O rexedor agradeceu aos veciños e veciñas a súa participación nesta causa solidaria.

Percorrido e gañadores

A saída tivo lugar dende a Explanada da Compañía, e continuou pola Compañía, Paseo de Lugo, Carude, San Lázaro, Reboredo, Dalmiro de la Válgoma, Escultor Francisco Moure ata as proximidades do paso a nivel e regreso por esta rúa ata a Compañía, xiro na glorieta de entrada ao Parque dos Condes e de novo Explanada, onde se situou a meta. Os corredores deron dúas voltas a este percorrido.

A carreira contou con categorías masculina e feminina cun primeiro, segundo e terceiro premio para cada unha.

Os gañadores en categoría feminina son Purificación Anegas Fernández (1ª), Sara Pérez Pallín (2ª) e Alba Lois Castillo (3ª). En categoría masculina recibiron o trofeo Ismael Rodríguez Nieves (1º), Manoliño Besteiro Rodríguez (2º) e Serafín Rodríguez Rodríguez (3º).

O Concello colaborou activamente na IV Andaina e Carreira contra o Cancro

O Equipo de Goberno colaborou activamente coa Asociación contra o Cancro no deseño do percorrido desta carreira, no que participaron tanto o Técnico de Deportes como a Policía Local.

Ademais, para o seu desenvolvemento, desde o Concello tamén se proporcionou o servizo de ambulancia, e levouse a cabo a colocación das vallas necesarias para delimitar o circuito deseñado para a mesma.

A Policía Local colaborou no corte e vixiancia do tráfico daquelas rúas polas que transcorriu a carreira, velando tamén pola seguridade dos e das participantes.

O Concello de Monforte  leva a cabo unha colaboración constante que se traduce na cesión de 3 locais para dita asociación, desde os que atenden a enfermos e familiares relacionados con esta enfermidade. Do mesmo xeito, o Concello participa e colabora en todas cantas actividades desenvolven na cidade do Cabe.