O Alcalde supervisa as obras da travesía de Monforte a Sober, nas que a Deputación de Lugo inviste máis de 400.000 euros

Monforte de Lemos, 3 de setembro de 2025. O Alcalde de Monforte e presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, visitou hoxe as obras de mellora que se executan na estrada de Monforte-Sober, a LU-P-3201, entre a Capela de San Lázaro e Piñeira. Acompañado pola Tenente de Alcalde de Monforte, Gloria Prada; técnicos do servizo de Vías e Obras da Deputación de Lugo, e directivos da empresa Ovisa, o rexedor supervisou o estado dos traballos, que se encontran moi avanzados, polo que se prevé que rematen en breve. O orzamento deste proxecto, asumido íntegramente pola Deputación Provincial, supera os 400.000 euros.

José Tomé apuntou que se trata “dunha actuación certamente significativa porque afecta a unha vía de titularidade da Deputación Provincial que forma parte da trama urbana e que é moi transitada, xa que tamén conecta os concellos de Monforte e Sober”. Neste senso, destacou que “grazas á colaboración da Deputación de Lugo, estase levando a cabo a mellora de varios tramos cuxo pavimento presentaba algunhas deficiencias que supoñían unha mingua da comodidade e seguridade dos usuarios desta estrada”.

Os tramos obxecto desta mellora son os comprendidos entre os puntos quilométricos 0+814 e 2+540. Tamén se inclúe neste arranxo un tramo da estrada vella de Monforte a Sober de 267 metros, no núcleo de Piñeira. O punto quilométrico 0,814 atópase á altura do edificio de Agora, xunto á Capela de San Lázaro, e o 2,540 está na parroquia de Piñeira, pasando Talleres Ignacio, antes do seu paso por debaixo da N-120.

Ademais, a intervención contempla a reparación das fochancas existentes desde esta zona ata Sober, realizando así unha labor de conservación. Procederase tamén ao repintado da sinalización horizontal de toda a travesía, dende a Capela de San Lázaro ata a súa chegada a Sober, mellorando así a seguridade vial.

Pola súa banda, o tramo de 267 metros en Piñeira, forma parte do trazado da estrada vella a Sober, e actualmente da servizo a varias casas desta parroquia, sendo titularidade da Deputación de Lugo.

Polo tanto, a actuación esténdese ao longo de 1.726 metros, aos que hai que engadir os 267 metros do tramo vello, polo que en total, alcánzanse practicamente os 2 quilómetros (1.993 m) de actuación.

José Tomé puxo en valor que “o obxectivo que lle prantexou o Concello de Monforte á Deputación Provincial é mellorar e reforzar o firme existente, mellorando a súa capacidade estrutural e adecuándoo ás actuais cargas de tráfico, que son moito máis elevadas hoxe que no momento de construción do firme actual. Porque esta estrada, ademais de soportar o tráfico entre Monforte e Sober, é unha das vías de entrada da cidade desde Sober e polos condutores que proveñen dese entorno, que rodean a cidade por Piñeira.”

Esta estrada soporta no seu tramo inicial o tráfico que accede ao complexo polideportivo de A Pinguela, ao IES A Pinguela e á Escola-Obradoiro municipal, ademais das vivendas existentes nesta zona da cidade. Neste senso, o Alcalde puxo en valor a importante mellora que supoñen estas obras tanto para a seguridade vial e a accesibilidade peonil, como no conxunto da zona, na que se renovaron espazos como o pabellón polideportivo e se acondicionou o aparcamento, e actualmente se completa a reforma integral da piscina municipal.

 

Actuacións de mellora

O proxecto foi elaborado polo Servizo de Vías e Obras da Deputación de Lugo e inclúe a reapertura das cunetas existentes, eliminando a vexetación e a terra depositada ao longo do tempo, para recuperar a sección primitiva. Ademais da limpeza do drenaxe transversal, os pasos salvacunetas e calquera elemento de drenaxe existente e necesario para garantir a evacuación das augas. Concretamente, contempla unha nova canaleta baixo o paso a nivel, que se atopaba deteriorada.

Na zona máis urbana,  os traballos céntranse na reposición do firme cunha nova mestura de bituminoso, pavimentación con formigón alisado nunha zona situada entre o núcleo e a última casa da marxe esquerda e pavimentación da marxe dereita entre a zona de vivendas e un sendeiro. Para executar unha separación física entre a estrada e novo pavimento de formigón executarase unha rigola prefabricada de formigón. En toda esta lonxitude entubaranse as cunetas existentes.

“É dicir”, explicou o Alcalde, “haberá unha cuneta transitable para as persoas dende as actuais beirarrúas, e a baixada á ponte inferior do ferrocarril, mellorando tamén os estacionamentos diante do IES A Pinguela, e tamén do Obradoiro de Emprego”.

Co estendido dunha capa de mestura bituminosa en quente sobre o firme existente dotaremos a este tramo da estrada de Sober dun novo pavimento con maior regularidade superficial aumentando tamén a súa capacidade estrutural.

Para elo, óptase polo emprego dunha mestura bituminosa densa, adecuada para o seu uso en capas de rodadura segundo a actual normativa de firmes, concretamente, unha AC16 surf D (anteriormente denominada D-12) que se estenderá de tal maneira que se obteña unha adecuada regularidade superficial cun espesor de 5 cm.

Finalizada a pavimentación, realizarase o pintado da vía mediante marcas viarias reflexivas brancas e cebreados, incluídas as paradas de autobús e pasos de peóns, dende a Capela de San Lázaro ata a entrada en Sober, é dicir, en toda esta travesía.

Á altura do IES A Pinguela, instalaranse bandas sonoras para diminuír a velocidade dos coches.

Tamén se repoñerá toda a sinalización vertical necesaria, xa que na actualidade algunha sinal atópase moi deteriorada.

José Tomé concluíu salientando que “trátase dunha inversión relevante porque vai supoñer a mellora dunha travesía, a de Monforte-Sober, que actualmente conta con moito tránsito de vehículos, dada a zona na que se ubica, que beneficia ós veciños da Pinguela, da rúa Sober e de Piñeira, que é todo o fronte das instalacións deportivas. Deste xeito, toda esa zona da cidade, quedará renovada.”