Alumnado e profesorado do Conservatorio ‘Mestre Ibáñez’ do Concello de Monforte ofreceron o seu tradicional “Concerto de Nadal”

Monforte de Lemos, 20 de decembro de 2025. O alumnado e profesorado do Conservatorio ‘Mestre Ibáñez’ do Concello de Monforte ofreceron este venres, a partir das 20.00 horas, o seu tradicional “Concerto de Nadal”. A actuación tivo lugar no Edificio Multiusos e contou coa asistencia dos Concelleiros e Concelleiras do Equipo de Goberno José Luis Losada, Marina Doutón, José Manuel Mougán, Regina López, Guillermo Díaz e Margarita López, ademais de outros membros da corporación municipal.

O festival ofreceu un completo programa no que os participantes interpretaron 15 pezas nas que combinaron diversas especialidades en saxofón, violín, clarinete/flauta, percusión, vento metal, ademais de coro e orquestra. O repertorio incluíu composicións de temática navideña, ademais de obras de autores clásicos e modernos.

O público puido desfrutar de panxoliñas como “Mi burrito sabanero”, a cargo do coro elemental e profesional e tamén en guitarra, varias versións do “Jingle Bells”, o “Morceau de Concert, entre outras obras. O colofón chegou da man da orquestra do Conservatorio que ofreceu cinco pezas baixo a dirección de Fernando Sanmartino.