Monforte de Lemos, 23 de decembro de 2025. O Apalpador visitará mañá mércores, 24 de Nadal, as rúas de Monforte para desexarlle unhas Felices Festas aos nenos e nenas da cidade. O mítico personaxe do Nadal galego, acompañado dun músico amigo seu, deixarase ver a partir das 11.30 horas, co seu abrigo cheo de remendos.
O Apalpador forma parte da tradición popular galega. Nado no Courel, a súa figura está ligada ás festas do Nadal. De oficio carboeiro, grandullón, bo, de mirada doce e longas barbas coloradas, vive dos froitos silvestres, da caza de xabaríns e recolle mel. Coas ramas dos bosques elabora os xoguetes que as madeiras esconden para agasallar aos nenos e nenas.
Esta animación corre a cargo de Anxo Moure, no papel de Apalpador, e de Servando Barreiro, músico.