A Asociación Cultural Teatreiras presenta este sábado na Casa da Cultura a obra “Retrincos e Cousas de Castelao”

Monforte de Lemos, 10 de outubro de 2025. A Casa da Cultura Lois Pereiro de Monforte de Lemos acolle este sábado 11 de outubro, ás 20.00 horas, a representación da obra “Retrincos e Cousas de Castelao”, da Asociación Cultural Teatreiras de Monforte. O espectáculo forma parte do Circuíto de Teatro Afeccionado que promove a Área de Cultura da Deputación de Lugo e que se desenvolve en Monforte en colaboración con este Concello.

A peza, montada e coordinada por Francisca Abeledo, rende homenaxe ao escritor galego Castelao no ano no que se conmemora o 75 aniversario do seu pasamento. Tamén o grupo está de celebración, pois cumpre 25 anos de actividade. Coa dobre intención de conmemorar o ano Castelao e a súa propia traxectoria, Teatreiras preparou “esta homenaxe a tan interesante personalidade da nosa cultura.  E fixémolo dende a adaptación dunha peza teatral arredor dos seus contos e das súas famosas ilustracións”, explica a directora Francisca Abeledo.

A montaxe estrutúrase nunha sucesión de escenas que representan a cotiandade da época que Castelao reflexou na súa obra, unha Galiza que vivía tempos convulsos e complicados, onde a emigración presentouse como unha oportunidade de mellora, pero deixou unha grande dor para as familias que quedaban escindidas.

Elenco: Pilar Cambón, Clarisa Mira, Rita Aira, Noelia Pastor, Iago Fernández, Gloria Guerrero, Enzo González, Yolanda Gómez, Alicia Vega, Carolina López, Natalia Pereiro, Estefanía Macineanu.

Coordinación e dirección: Paqui Abeledo

Caracterizacións: Yola, Estética e Peluquería

E a colaboración de Iván, Nery, Bea, Carmela, Julio e Ángel.