Monforte de Lemos, 15 de decembro de 2025. O Concello de Monforte de Lemos continúa coa campaña informativa “RecicLemos de xeito sostible” para a mellora da xestión dos residuos orgánicos e da compostaxe no noso municipio. Deste xeito, o Equipo de Goberno afianza a súa aposta pola reciclaxe da materia orgánica, xa que case a metade do lixo que producimos nas nosas casas a diario son residuos orgánicos.
Con este obxectivo estanse desenvolvendo accións na rúa e nos centros educativos co obxectivo de chegar a toda a veciñanza e de sensibilizar á xente nova das vantaxes da compostaxe doméstica e da importancia de facer un bo uso do colector marrón.
Este luns, 15 de decembro, a carpa informativa instalouse en horario de mañá na rúa Doutor Casares, nas proximidades do cruce coa rúa San Pedro. No stand repartíronse caldeiros para separar a materia orgánica na casa e recolléronse solicitudes de composteiros domésticos que o Concello entrega de balde aos veciños e veciñas con hortas ou parcelas cunha superficie mínima de 25 m2 no termo municipal monfortino.
Compre recordar que o Concello de Monforte xa implantou hai máis dun ano nas rúas do municipio o colector marrón, que ten como uso exclusivo a recollida de restos de orgánica, e xa son más de 2.000 as familias que participan de forma activa no uso do colector marrón. Con esta nova campaña, o Concello fai un chamamento á cidadanía para que máis veciños e veciñas se sumen ao voluntariado marrón.
Solicitudes e formularios online
As persoas e queiran darse de alta na campaña, poderán facelo ‘in situ’ nas carpas informativas que se instalarán nas rúas nas vindeiras semanas. Tamén poden rexistrarse chamando ao teléfono do Concello 982 402 501, acudindo ás oficinas municipais na Praza Campo de San Antón ou a través da solicitude online FORMULARIO ONLINE SOLICITUDE DE TI TES A CHAVE CONCELLO DE MONFORTE DE LEMOS.
Así mesmo, o Concello fai tamén un chamamento especial aos grandes xeradores de orgánica, establecementos de hostalaría e comercio, aos que se informará porta a porta sobre o servizo de recollida desta fracción.
Esta campaña inclúe tamén o fomento da compostaxe doméstica. Na acción anterior repartíronse 253 composteiros e desta volta entregaranse 150 novas unidades entre as persoas interesadas que residan nunha vivenda illada e que conten cunha parcela ou horta dun mínimo de 25 m2. As solicitudes poden facerse nas carpas informativas, no teléfono do Concello 982 402 501, acudindo ás oficinas municipais na Praza Campo de San Antón ou ben directamente a través do FORMULARIO ONLINE SOLICITUDE DE COMPOSTEIRO INDIVIDUAL CONCELLO DE MONFORTE DE LEMOS.
Requisitos para obter un composteiro
Para participar neste programa e poder optar á recepción dun composteiro, os solicitantes terán que estar censados en Monforte e que a leira ou terreo no que o vaian instalar se sitúe no termo municipal, coas dimensións de polo menos 25 m2 de superficie. Os usuarios e usuarias teñen que comprometerse a utilizar adecuadamente este composteiro. Xa que ademais, unha vez entregados e postos en marcha, levaranse a cabo visitas de seguimento dos mesmos, para certificar o seu correcto uso así como solucionar dúbidas que poidan xurdir.