Monforte de Lemos, 11de novembro de 2025. A campaña informativa “RecicLemos de xeito sostible”, impulsada polo Concello de Monforte de Lemos para a mellora da xestión dos residuos orgánicos e da compostaxe no noso municipio, comezou hoxe o seu percorrido polos centros educativos.
O CEIP A Gándara acolleu dúas sesións durante a mañá deste martes nas que participaron un total de 65 escolares. De xeito lúdico, o alumnado adquiriu coñecementos sobre a importancia da reciclaxe dos residuos e de separar a materia orgánica. A través de xogos adaptados ás diferentes idades, os escolares descubriron as claves do proceso de compostaxe e as vantaxes de convertir os residuos orgánicos en compost, así como o correcto uso dos contedores de reciclaxe.
Esta actividade forma parte da campaña promovida polo Concello na súa aposta pola reciclaxe da materia orgánica, xa que case a metade do lixo que producimos nas nosas casas a diario son residuos orgánicos.
A campaña arrincou o pasado martes, 5 de novembro, e inclúe accións informativas na rúa e nos centros educativos do municipios. Extenderase ao longo dos vindeiros meses co obxectivo de chegar a toda a veciñanza e de sensibilizar á xente nova das vantaxes da compostaxe doméstica e do bo uso do colector marrón. A próxima acción desenvolverase o 24 de novembro, día de feira en Monforte, coa instalación dunha carpa informativa no recinto do mercado.
A campaña inclúe o reparto de caldeiros marróns para separar a materia orgánica na casa e de composteiros domésticos que o Concello entrega de balde aos veciños e veciñas con hortas ou parcelas cunha superficie mínima de 25 m2 no termo municipal monfortino.
Compre recordar que o Concello de Monforte xa implantou hai máis dun ano nas rúas do municipio o colector marrón, que ten como uso exclusivo a recollida de restos de orgánica, e xa son 1.995 as familias que participan de forma activa no uso do colector marrón. Con esta nova campaña, o Concello fai un chamamento á cidadanía para que máis veciños e veciñas se sumen ao voluntariado marrón.
Solicitudes e formularios online
As persoas e queiran darse de alta na campaña, poderán facelo ‘in situ’ nas carpas informativas que se instalarán nas rúas nas vindeiras semanas. Tamén poden rexistrarse chamando ao teléfono do Concello 982 402 501, acudindo ás oficinas municipais na Praza Campo de San Antón ou a través da solicitude online FORMULARIO ONLINE SOLICITUDE DE TI TES A CHAVE CONCELLO DE MONFORTE DE LEMOS.
Así mesmo, o Concello fai tamén un chamamento especial aos grandes xeradores de orgánica, establecementos de hostalaría e comercio, aos que se informará porta a porta sobre o servizo de recollida desta fracción.
Esta campaña inclúe tamén o fomento da compostaxe doméstica. Na acción anterior repartíronse 253 composteiros e desta volta entregaranse 150 novas unidades entre as persoas interesadas que residan nunha vivenda illada e que conten cunha parcela ou horta dun mínimo de 25 m2. As solicitudes poden facerse nas carpas informativas, no teléfono do Concello 982 402 501, acudindo ás oficinas municipais na Praza Campo de San Antón ou ben directamente a través do FORMULARIO ONLINE SOLICITUDE DE COMPOSTEIRO INDIVIDUAL CONCELLO DE MONFORTE DE LEMOS.
Requisitos para obter un composteiro
Para participar neste programa e poder optar á recepción dun composteiro, os solicitantes terán que estar censados en Monforte de Lemos e que a leira ou terreo no que o vaian instalar se sitúe no termo municipal de Monforte de Lemos, coas dimensións de polo menos 25 m2 de superficie.