A Casa da Cultura acolle o domingo un Concerto Contacontos dirixido ao público familiar e enmarcado nas actividades do 25-N

Monforte de Lemos, 21 de novembro de 2025. O salón de actos da Casa da Cultura Lois Pereiro acolle este domingo 23, ás 18.00 horas, o Concerto Contacontos titulado “Cambia o conto”, un espectáculo dirixido ao publico familiar, enmarcado no programa de actividades organizado polo Concello de Monforte a través da Concellería de Muller e Igualdade e o Centro de Información á Muller, co gallo do 25-N, Día Internacional da Eliminación da violencia de xénero. A entrada é gratuíta ata completar aforo e a función ten unha duración de 50 minutos.

“Cambia o conto” é unha proposta cultural do trío Música Miúda, composto por Irene Quinteiro, Miguel Alonso e Óscar Martínez, que combina contos e cancións de creación propia que fan especial fincapé na diversidade e na integración, todo elo cunha perspectiva de xénero e de promoción da nosa lingua. Os seus espectáculos teñen un amplo percorrido por bibliotecas, centros educativos e auditorios de toda Galiza.

Neste espectáculo traballaranse os estereotipos de xénero a partir de contos tradicionais, adaptándoos e creando novos relatos cunha perspectiva non sexista. Parten do comezo popular destes contos, mais as protagonistas tomarán decisións máis intelixentes que as levarán a un final diferente. Ademais, enriquecen estes contos con novos personaxes, que aportan modelos non sexistas e rachan con estereotipos: o Pirata Efrén, quen non teme a chorar e traballa xunto a Aroa Serea, e a avoa Lola, quen axuda a Antía Carapuchiña a enganar ao lobo.

A rapazada terá un papel activo, participando na contada das historias e nas cancións, nun espectáculo interactivo, cheo de música e diversión.

Todos os contos e cancións son orixinais da banda e pertencen ao libro-disco “Cambia o conto” (Galaxia, 2022). A música do espectáculo é completamente en directo.