Monforte de Lemos, 19 de novembro de 2025. O Centro Cívico Social acolle un Curso de Defensa Persoal Feminina organizado polo Concello de Monforte a través da Concellería de Muller e Igualdade e do Centro de Información á Muller, CIM, dentro das actividades conmemorativas do 25-N, Día Internacional da Eliminación da Violencia de Xénero. O obradoiro comeza mañá e desenvolverase en dúas sesións os xoves 20 e 27 de novembro, en horario de 16.00 a 20.00 horas.
A actividade é gratuíta e será impartida por Juan José Martínez Ordóñez, adestrador deportivo e ‘coach’ motivacional con ampla experiencia en defensa persoal feminina. Aínda quedan prazas vacantes, polo que as mulleres interesadas poden inscribirse no CIM (982 41 63 50).
Curso teórico e práctico
O curso componse dunha parte teórica e práctica que se impartirá en conxunto de forma que a formación sexa dinámica.
Na parte teórica traballaranse conceptos psicolóxicos tanto da vítima como do agresor e aspectos do código penal, e haberá unha parte de desenvolvemento do control das 5 claves: respiración, observación, valoración, estratexia e técnica. Abordarase tamén a prevención para situacións de risco que leven a evitar o confrontamento físico, pero se este non é evitable, mostraranse as técnicas de defensa ante un ataque.
A finalidade do curso é que a muller teña ferramentas suficientes para sentirse segura nunha situación de risco en todos os ámbitos da súa vida. A metodoloxía empregada denomínase “Método Máis” e, entre os beneficios, o curso incide na mellora da autonomía persoal e a autoestima, o incremento de confianza e seguridade, alivio da tensión e do estrés e fomento dos valores de respecto, tolerancia, sensibilidade, prudencia, solidariedade e responsabilidade.