
Monforte de Lemos, 4 de setembro de 2025. A IV edición do Ciclo de Concertos de Grupos Monfortinos chegou onte ao seu fin coas actuacións na Praza de España dos grupos GALGA BLUES BAND e BELLA CHAOS. O certame forma parte do programa do Verán Cultural do Concello de Monforte de Lemos e celebrouse desde o 18 de agosto ao 3 de setembro en diferentes espazos do concello, concretamente, na Praza da Compañía, na Praza de España e na Praza da Estación.
O Alcalde, José Tomé, recordou que este ciclo foi unha das principais novidades do Programa de Verán de 2022, ao que “se lle deu continuidade polo éxito acadado nos anos sucesivos”. Este certame, engadiu, “é unha aposta decidida do Equipo de Goberno por darlle visibilidade e protagonismo aos grupos locais e poñer en valor o seu talento”.
Nesta IV edición, participaron no ciclo 12 grupos monfortinos, que non tiveran presencia en eventos anteriores como son o Festival do Viño, o Carude Rock e as Festas Patronais. Desta forma, suliñou o Alcalde, “damos visibilidade a todos os grupos locais, dando conta tamén da importante canteira de músicos e talento que hai en Monforte”.
José Tomé tamén quixo destacar “a oportunidade que ofrece este ciclo de concertos para que os veciños e veciñas de Monforte coñezan toda a creación e a diversidade de estilos dos grupos monfortinos”.
12 grupos musicais e seis sesións de concertos
O ciclo desenvolveuse en dúas fases, en agosto e setembro, con seis sesións de dous concertos por xornada en horarios de 22.30 e 00.00 horas. A primeira foi o 18 de agosto coas actuacións musicais de CERO2CERO e MALENNE, na Praza da Compañía. Continuou o martes 19 de agosto con COOL FLANDERS e DINOSAURIOS na Praza de España, e o mércores 20, cos grupos EL MUNDO DE SOFÍA BAND e SEGUNDA PARTE na Praza da Estación.
A segunda fase celebrouse esta semana, comezando o luns, 1 de setembro, coas actuacións de DELOREANS e LOS JINETES DEL TRÓPICO na Praza da Compañía. O martes 2 foi a quenda de NECTARINE SOUL e DEUCE, que tocaron na Praza da Estación, e onte, mércores 3, pecharon o ciclo GALGA BLUES BAND e BELLA CHAOS, na Praza de España.
O Alcalde destacou o novo éxito deste ciclo de concertos reiterando a “aposta firme do Concello de Monforte polos grupos monfortinos, para dar a coñecer a súa creatividade e as súas propostas en diferentes estilos musicais tanto ós nosos veciños como ás persoas que nos visitan. En definitiva, o noso obxectivo é poñer en valor ós grupos musicais da cidade, incluíndoos no Programa do Verán Cultural, e dándolles así o recoñecemento que merecen”.