
Monforte de Lemos, 17 de maio de 2025. O Concello de Monforte de Lemos, celebrou na mañá de hoxe o Festival Letras Galegas 2025 en conmemoración do Día das Letras Galegas deste ano, que está adicado á poesía popular oral e personificado en Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes estas catro das Pandeireteiras de Mens (Malpica).
A presentación do Festival correu a cargo da Concelleira de Cultura, Marina Doutón, ante a ausencia do Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, que por motivos de axenda ineludibles, se atopaba de viaxe de traballo fora da cidade.
Nas verbas dirixidas ó público asistente, Marina Doutón quixo poñer en valor a poesía popular oral, como fonte importantísima de conservación das nosas tradicións e transmisora da nosa cultura durante décadas, así como constatar o acerto da Real Academia Galega polo recoñecemento á labor feita por homes e mulleres anónimas, que foron quen de conservar o noso patrimonio cultural e transmitilo de xeración en xeración.
A continuación, a Concelleira de Cultura, deu paso as actuacións programadas para o acto, que este ano se celebrou no Auditorio do Multiusos, e que comezou coa actuación da Asociación Cultural Amigos da Pandeireta de Monforte, ós que Marina Doutón lles quixo agradecer que un ano mais, colaboraran co Concello de forma altruísta, no desenvolvemento deste acto tan significativo para toda Galicia.
A Asociación, interpretou seis pezas musicais dirixidos por Xosé Luis Cofán Vidal, recollendo no repertorio pezas variadas, dende muiñeiras a xotas e foliadas, incluíndo como peche da súa actuación a “Foliada do Cabe” con letra e música de Xosé Luis Cofán, e que tal e como explicou o autor, pretende ser representativa de Monforte, por estar composta en honor á cidade do Cabe.
O segundo tramo do Festival estivo protagonizado pola actuación da Coral Polifónica do Concello de Monforte, que dirixida polo director do Conservatorio Municipal de Música de Monforte, Fernando Sanmartino, interpretou cinco pezas da tradición popular en solitario e unha última peza, “Se Chove”, que foi interpretada coa colaboración da Asociación de Amigos da Pandeireta de Monforte.
O acto pechouse coa interpretación do Himno Galego, polas dúas agrupacións participantes, axudados polo público asistentes ó Festival.
A Concelleira de Cultura, estivo acompañada pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, o Concelleiro de Medio Ambiente, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, a Concelleira de Consumo, Regina López e por outros membros da Corporación Municipal, Katy Varela e José Luis Rodríguez, Concelleiros do Partido Popular de Monforte, e Emilio Sánchez, Concelleiro do Bloque Nacionalista Galego de Monforte, e numeroso público.
