A Concelleira Margarita López reivindica o traballo colectivo para acadar a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial

Monforte de Lemos, 28 de outubro de 2025. A Concelleira de Muller e Igualdade do Concello de Monforte, Margarita López, foi o encargada de abrir este martes a novena edición do Foro Territorios Patrimonio, que se celebra hoxe e mañá no Parador de Turismo de Monforte e que reúne a expertos na materia, representantes de organismos e institucións, axentes locais e empresas, todos eles comprometidos coa necesidade de dinamizar o territorio e, concretamente, co impulso da candidatura da Ribeira Sacra á declaración de Patrimonio Mundial por parte da UNESCO.

No acto inaugural, no que tamén participaron o Director do Foro Territorios Patrimonio, Carlos Montilla, e o Técnico da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Manuel Mª Chaín Pérez, a Concelleira Margarita López manifestou a idoneidade de escoller o Conxunto Histórico de San Vicente como “espazo de debate e reflexión arredor da necesidade de protexer de xeito responsable e manter vivo o noso patrimonio histórico, paisaxístico e cultural: Un ben que forma parte da nosa identidade e que temos o deber e a responsabilidade de coidar e preservar para as xeracións vindeiras”.

Neste senso, incidiu no “momento decisivo” que afronta a Ribeira Sacra ante a resolución definitiva da UNESCO, que se coñecerá en xuño de 2026, e reivindicou o traballo colectivo para acadar este obxectivo común: “No Equipo de Goberno do Concello de Monforte creemos que as diferentes administracións e asociacións debemos unir esforzos neste propósito, que suporá o recoñecemento definitivo e posta en valor do noso patrimonio material e inmaterial”.

A Concelleira destacou o papel esencial de Monforte no conxunto da Ribeira Sacra que, apuntou, “non só destaca pola súa impresionante beleza natural, senón tamén pola súa rica herdanza cultural e histórica. No corazón deste territorio único, está Monforte, a segunda cidade da provincia de Lugo e capital da Ribeira Sacra”.

Así, Margarita López fixo un repaso polo rico patrimonio de Monforte citando o Conxunto Histórico de San Vicente, a Xudaría, o Colexio de Nosa Señora da Antiga coñecido como o “Escorial Galego” e que alberga obras do Greco e Andrea de Sarto, ou as Clarisas, que conta cun dos mellores museos de España en arte sacro e arte italiano do século XVI. Tamén incidiu na especial aportación do municipio ao patrimonio paisaxístico da Ribeira Sacra, co Miradoiro do Duque no Canón do Sil, situado xusto por riba do Embarcadoiro Ponte do Sil, de onde saen os catamaráns da Deputación de Lugo.

A Concelleira puxo en valor este “poderoso reclamo”, arredor do que se articula “unha oferta turística e cultural de calidade, sostible, non masificada e chea de experiencias”, e apostou por “comprometernos a protexer estes tesouros e asegurarnos de que as xeracións vindeiras poidan experimentar e apreciar a mesma beleza e riqueza que gozamos hoxe”.

 

IX Foro Territorios Patrimonio

O IX Foro Territorios Patrimonio celébrase este ano baixo o lema “Un Patrimonio para Habitar”, poñendo o acento na necesidade de entender o patrimonio non só como un legado do pasado, senón tamén como un ben vivo que se comparte, se transforma e se proxecta cara ao futuro.

A través de diversas mesas redondas, o evento responde a unha dobre vocación: por unha banda, consolidar o enfoque institucional arredor das políticas de protección e xestión do patrimonio; e, por outra, abrir o debate á cidadanía, ao tecido asociativo e á relación entre patrimonio cultural, paisaxe, auga e viño como eixes identitarios da Ribeira Sacra.