O Concello achega maxia e teatro aos escolares de Primaria de Monforte co ciclo “Ler conta moito”

Monforte de Lemos, 18 de setembro de 2025. O Concello de Monforte organiza dentro do programa de animación á lectura “Ler conta moito”, e en colaboración coa Biblioteca Municipal, un ciclo dirixido a alumnos e alumnas de 1º e 2º curso de Primaria dos centros educativos da cidade. A actividade desenvolverase en dúas sesións na Casa da Cultura Lois Pereiro de Monforte.

A primeira sesión será mañá, venres 19 de setembro, ás 12.00 horas, co alumnado de 1º de Primaria como público. Trátase do espectáculo “Maxia para soñar”, a cargo do ilusionista Mago Marco, que propón unha viaxe de soño e ilusións envoltas nun misterio. A proposta é a maxia clásica adaptada aos nosos tempos con aparicións, desaparicións, levitacións imposibles e, o máis importante, unha maxia interactiva na que o público é o grande protagonista.

A segunda sesión está programada para o venres 26 de setembro ás 12.00 horas, a cargo da compañía de teatro Tropa de Trapo, que presentará o espectáculo 4 monos. Esta obra, que terá como público o alumnado de 2º de Primaria, pon en escena a catro monos con cadansúa historia. Catro contos para falar de como nos relacionamos entre nós e co medio, para rir, para reflexionar, para cantar e soñar con outro mundo posible.

 

Fomentar a lectura

“Ler conta moito” é un programa de dinamización da lectura nas bibliotecas públicas promovido pola Dirección Xeral de Cultura en colaboración cos Concellos con bibliotecas integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia. A finalidade é animar á lectura a través dunha programación de actividades atractivas que faciliten o achegamento aos espazos bibliotecarios.  “O obxectivo deste programa”, destaca o Alcalde, José Tomé Roca, “é dar a coñecer e fomentar a lectura entre os alumnos e alumnas dos diferentes centros de ensino de Monforte”.

 Maxia para Soñar

 4 Monos