O Concello amosa o seu compromiso coa saúde mental nos actos organizados pola Asociación Albores de Monforte

Monforte de Lemos, 10 de outubro de 2025. O Concello sumouse este venres aos actos organizados pola Asociación Albores de Monforte para conmemorar o Día Mundial da Saúde Mental. Baixo o lema “Hoxe, mañá e sempre: a túa mente importa”, a entidade convocou unha concentración na Praza de España na que se desenvolveron diferentes acciones de sensibilización e concienciación. De 11.00 a 13.00 horas, os monfortinos e monfortinas puideron coñecer máis de cerca as actividades que desenvolve esta asociación encamiñadas á recuperación integral das persoas con enfermidades mentais e a mellorar a súa calidade de vida e a das súas familias e entorno.

Os concelleiros de Medio Ambiente, Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, e de Consumo, Regina López, xunto con outros membros da Corporación municipal, participaron nestas actividades e asistiron á lectura do manifesto na que Albores demandou unha maior atención á saúde mental no rural e defendeu os dereitos das persoas afectadas. Purificación Díaz Ferreiro, integrante da asociación, foi a encargada de ler esta declaración.

Durante a concentración na Praza de España elaborouse un mural colaborativo no que os cidadáns puideron expresar os seus pensamentos, emocións e mensaxes arredor da saúde mental. Repartíronse globos e lazos de cor azul entre os asistentes para visibilizar o compromiso con esta enfermidade e un photocall permitiu difundir nas redes sociais este apoio. Con esta actividade, Albores quixo poñer en valor “o poder de estar presentes: acompañar, escoitar e apoiar cada día”, apostando por promover unha sociedade na que “a saúde mental sexa unha prioridade”.