O Concello colabora coa organización da IV Carreira e Andaina contra o Cancro que se celebrará en Monforte o 14 de setembro

Monforte de Lemos, 3 de setembro de 2025. A Concelleira de Muller e Igualdade do Concello de Monforte, Margarita López, participou hoxe na presentación da cuarta edición da Carreira e Andaina, Monforte en Marcha contra o Cancro que a delegación lucense da Asociación Española contra o Cancro organiza en Monforte e que se celebrará o domingo 14 de setembro, ás 12.00 horas.

Na presentación, Margarita López estivo acompañada polo Presidente da Asociación Española Contra o Cancro na provincia de Lugo, José Manuel Rozas Bello, e o director territorial de Política Social da Xunta de Galicia en Lugo. Tamén acudiu a esta rolda de prensa a concelleira de Consumo, Regina López Arias, e membros da Corporación municipal.

A concelleira de Muller e Igualdade amosou a satisfacción do Equipo de Goberno de poder colaborar na organización desta III Carreira e Andaina Monforte en marcha contra o Cancro, “porque iniciativas de carácter solidario e social tan importantes coma esta, merecen todo o noso apoio”.

Explicou tamén que o Equipo de Goberno colaborou activamente coa Asociación contra o Cancro no deseño do percorrido desta carreira, no que participaron tamén tanto o Técnico de Deportes como a Policía Local.

Ademais, para o desenvolvemento desta carreira, dende o Concello tamén se proporcionará o servizo de ambulancia, e levarase a cabo a colocación das vallas que delimitarán o circuito deseñado para a mesma, un percorrido de 5 quilómetros que terá saída e chegada na Praza da Compañía.

A Policía Local colaborará no corte e vixiancia do tráfico das rúas polas que transcorra a carreira, que estarán pechadas durante o evento, velando tamén pola seguridade dos e das participantes. Trátase de Francisco Moure, Paseo de Lugo, rúa Carude, San Lázaro Reboredo e Dalmiro de la Válgoma. Estes cortes serán levados a cabo pola policia municipal.

A concelleira Margarita López destacou a colaboración do Concello “poñendo á disposición dos organizadores toda a maquinaria técnica e organizativa necesarias para que a carreira e andaina resulten todo un éxito, algo do que estamos seguros que así será”.

A concelleira, animou aos veciños e veciñas a participar neste evento deportivo e solidario, e recordou que o prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 13 de setembro e pode facerse de xeito online ou no local da asociación.

O prezo para a inscrición nesta carreira de carácter benéfico é de 10€ e inclúe a camiseta. Todos os fondos recadados irán destinados a seguir mellorando a vida dos pacientes con cancro e as súas familias, e a impulsar a investigación oncolóxica para conseguir un 70% de supervivencia no ano 2030.

 

Colaboración constante do Equipo de Goberno coa Asociación Española Contra o Cancro

Tamén recordou Margarita López na súa intervención, a colaboración constante do Concello de Monforte coa Asociación Española contra o Cancro na provincia de Lugo: “O Alcalde é sensible coa importantísima labor que desenvolve a Asociación Contra o Cancro en Monforte, e desde un primeiro momento levamos a cabo una colaboración estreita coa mesma, que se traduce na cesión de 3 locais para dita asociación, desde os que atenden a enfermos e familiares relacionados con esta enfermidade”.

Do mesmo xeito, o Concello participa e colabora en todas cantas actividades desenvolven na nosa cidade, “algo que seguirá facendo, porque o compromiso e colaboración deste Alcalde e seu Equipo de Goberno coa Asociación contra o Cancro é firme e constante, xa que desenvolve unha importante labor de investigación e asesoramento en relación con esta enfermidade”, concluíu López.

A concelleira rematou a súa intervención animando a todos os veciños e veciñas de Monforte a inscribirse e participar neste evento que une deporte e solidariedade.