Monforte de Lemos, 24 de setembro de 2025. O Concello de Monforte executará obras de mellora do firme nas rúas Lagares e Santa Clara da cidade. Así o anuncia o Alcalde, José Tomé, tralo acordo acadado na Xunta de Goberno do luns, 22 de setembro, na que se trataron ambos expedientes de contratación e aprobouse a adxudicación dos dous proxectos á empresa Misturas Obras e Proxectos S.A.. Esta nova inversión en mellora das infraestruturas viarias de titularidade municipal suma 51.753,25 euros.
As obras na rúa Lagares teñen un orzamento de 26.211,03 euros e un prazo de execución de 1 mes. Esta vía soporta un elevado tráfico e actualmente está moi deteriorada, polo que se aconsella unha actuación completa de rexeneración do firme. Os traballos previstos desenvolveranse nunha lonxitude total de 220 metros, cun ancho medio de 5,97 metros.
O proxecto contempla o fresado completo da vía e colocación dunha nova capa de rodadura de aglomerado quente ata un espesor de 5 centímetros. Unha vez rematado, procederase ao pintado de marcas viais, símbolos e cebreados.

No que respecta a Santa Clara, a rúa presenta tamén un estado moi deteriorado debido ao tempo que se leva sen actuar no firme e o elevado tráfico que soporta, polo que aconsella unha actuación completa de rexeneración.
Actuarase nunha lonxitude de 220 metros, cun ancho medio de 6,10 m. A intervención require o fresado completo da vía e colocación de nova capa de rodadura de aglomerado en quente ata un espesor de 5 cm. Posteriormente, procederase ao pintado de marcas viais, símbolos e cebreados. Neste caso, o orzamento ascende a 25.542,22 euros e o prazo de execución é de 1 mes.

Mellora significativa
O Alcalde, José Tomé, sinala que “coa adxudicación destes novos proxectos continuamos co desenvolvemento do programa de mellora de infraestruturas da nosa cidade, un compromiso que teño adquirido cos monfortinos e coas monfortinas dende 2015, e que suporá unha moi significativa mellora nestas rúas do Concello”.