O Concello de Monforte conmemora o 25-N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, cun rexeitamento e condena unánime á violencia machista

Monforte de Lemos, 25 de novembro de 2025. O Concello de Monforte de Lemos conmemorou o 25-N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, cunha concentración e un acto simbólico na Praza do Concello no que foron nomeadas as 38 mulleres asasinadas polas súas parellas ou exparellas no que vai de ano en España, incluidos os tres menores vítimas mortais tamén desta lacra. Esta emotiva acción enmárcase na campaña de sensibilización “Monforte en negro contra as violencias”, organizada polo Concello de Monforte a través da Concellería de Muller e Igualdade e do Centro de Información á Muller (CIM).

O acto deu comezo ás 12.00 horas coa lectura do manifesto a cargo da Concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López, que estivo acompañada por outros membros do Equipo de Goberno. Concretamente, pola Tenente de Alcalde e Concelleira de Facenda e Servizos Sociais, Gloria Prada; o Concelleiro de Medio Ambiente, Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada; a Concelleira de Cultura, Marina Doutón; a Concelleira de Consumo, Regina López, e o Concelleiro de Tecnoloxía e Innovación, Guillermo Díaz, ademais doutros membros da Corporación Municipal, alumnos e alumnas de Primaria e persoal docente dos centros educativos de Monforte, e persoal do Concello.

Na súa intervención, a Concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López, amosou o “rexeitamento e condena unánime” á violencia machista: “Dende o Concello de Monforte somos conscientes da urxencia de erradicar unha violencia que, polo feito de ser mulleres, continúa a ser estrutural na nosa sociedade”, e lembrou ás 38 mulleres asasinadas en España polas súas parellas ou exparellas, dúas delas en Galicia, e aos 3 menores vítimas mortais este ano en contextos de violencia de xénero, 65 dende 2003.

“Condenamos cada acto, a cada agresor, e tamén a quen nega, minimiza ou xustifica a existencia desta violencia. O negacionismo non só fere a memoria das vítimas, senón que desprotexe ás que sofren e debilita o compromiso social necesario para combatela”, reza o manifesto que recoñece tamén “o compromiso da cidadanía galega na loita contra a violencia machista”. A través desta lectura, a Concelleira de Muller e Igualdade animou a “actuar con unidade e rexeitar con firmeza os comportamentos violentos e a que os ampara”.

 

“Semprevivas”

Trala lectura do manifesto, o acto continuou coa performance “Semprevivas”, dirixida por Francisca Abeledo, e na que participaron un grupo de mulleres monfortinas. Nesta acción foron nomeadas, unha a unha, as 38 mulleres vítimas mortais da violencia de xénero en España no que vai de ano e aos 3 menores asasinados. Cada unha foi representada por unha muller monfortina co seu rostro cuberto e lembrada cunha flor sempreviva violeta entregada por un dos escolares que participaron no acto. As mulleres, coas súas flores, ocuparon as escaleiras de acceso á Casa do Concello dando visibilidade a todas as vítimas da violencia machista.

Esta acción serviu para homenaxear ás vítimas de violencia de xénero e a todas aquelas que están a sufrir violencias machistas, así como enviar unha mensaxe clara de repulsa aos agresores e sensibilizar a sociedade sobre a necesidade de erradicar a violencia contra as mulleres sumando esforzos para un futuro en igualdade e libre de violencias.

Ao remate do acto repartiuse entre os asistentes material de sensibilización serigrafiado co lema da Campaña “Monforte  en Negro contra as violencias”.

 

Campaña de sensibilización

A campaña de sensibilización programada polo Concello para conmemorar esta data arrincou o luns 10 de novembro cun obradoiro nos centros educativos do municipio e finalizará o 4 de decembro con teatro no Edificio Multiusos. O programa conta cun amplo abano de actividades que inclúe difusión a través de material informativo e pancartas conmemorativas na Casa do Concello e no Centro Cívico. Así mesmo, colocouse un vinilo no Bus Urbano do Concello para difundir a mensaxe de rexeitamento á violencia de xénero e de chamamento a asistir á concentración deste martes, 25 novembro.