O Concello organiza, con motivo da campaña internacional Quere o teu mercado, actividades para promocionar os produtos de proximidade da Praza de Abastos de Monforte.

Monforte de Lemos, 29 de maio de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa que o Concello, súmase un ano máis a campaña internacional Quere o teu mercado, que se celebrará o sábado 31 de maio na Praza de Abastos da cidade.

“Con esta iniciativa”, destaca o Alcalde, José Tomé Roca, “dende o Concello de Monforte, sumámonos ás que xa levamos realizando en anos anteriores, para fomentar as compras no pequeno comercio de proximidade, que é o que se realiza, neste caso, na Praza de Abastos da nosa cidade”.

Neste senso, o rexedor monfortino indicou que “as prazas de abastos, a través de canles cortas de comercialización, garanten a calidade dos produtos alimentarios galegos, e nelas únese tradición e modernidade, a través da profesionalidade dos seus praceiros e praceiras”.

Degustación de produtos locais o sábado 31 de maio

O vindeiro sábado 31 terá lugar na Praza de Abastos, a partir das 12:00 horas, unha degustación de produtos locais provintes dos praceiros: queixos e embutidos, empanadas, entre outros, acompañados de viños da D.O. Ribeira Sacra coa que se pretende animar aos monfortinos a que compren os seus produtos na Praza de Abastos municipal polo valioso papel dinamizador e revitalizador que xogan os mercados municipais dos centros urbanos, facilitando, ademais, a compra de alimentos frescos ó lado da casa.

Mercar neles é garantía de calidade, bo servizo e atención personalizada e unha garantía tamén de obter produto fresco e galego  así como garantía de boa compra, fomentando o consumo de produtos que garante unha dieta equilibrada e saudable.

Durante o evento, as persoas asistentes poderán gozar de degustacións gratuítas de produtos gastronómicos da praza, acompañado con viños da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. Ademáis, farase entrega das Bolsas de tea da campaña “Quere o teu mercado” da Dirección Xeral de Comercio.

Con esta iniciativa, dende o Concello de Monforte, reafirman o seu compromiso co impulso do pequeno comercio local, promovendo as compras de proximidade e poñendo en valor os produtos da praza de abastos, que consideran un exemplo de equilibrio entre tradición e modernidade, onde a profesionalidade de praceiros e praceiras contribúe a ofrecer un servizo de calidade á veciñanza.