Monforte de Lemos, 27 de setembro de 2025. O Concello de Monforte participou este sábado no partido de fútbol con carácter benéfico promovido polo Grupo CompostELA, agrupación que naceu en 2019 por iniciativa dun grupo de peregrinos directamente relacionados coa Esclerosis Lateral Amiotrófica (ELA) e que todos os anos realiza a Ruta Xacobea no mes de setembro. Co obxectivo de dar visibilidade a esta enfermidade e recadar fondos para financiar os gastos desta experiencia no Camiño de Santiago, a entidade organizou este evento deportivo que enfrontou a políticos de Monforte e da contorna e membros da Garda Civil nun partido que se disputou esta tarde, desde as 18.30 horas, no Campo Luis Bodegas.
O Concello de Monforte cedeu as instalacións deportivas e colaborou na organización deste acto solidario. No equipo denominado “Políticos United” participaron os concelleiros de Deportes, José Manuel Mougán Sobredo; de Comercio, Regina López Arias, e de Tecnoloxía e Innovación, Guillermo Díaz Aira, ademais de outros membros da corporación municipal. Este equipo enfrontouse ó “Verdes Bremen”, integrado por membros da Garda Civil, rendendo homenaxe ao axente monfortino Germán Macía, falecido a causa da ELA. Os seus pais, Clara e Germán, asistiron tamén ao encontro e recibiron un ramo de flores das mans da capitana do equipo de políticos, a concelleira Regina López. Foi a nai de Germán Macía, Clara, quen fixo o saque de honor.
A entrada tivo un coste de 5 euros destinados a fins benéficos e púxose tamén a disposición da cidadanía unha Fila 0 para donacións.
O Alcalde, José Tomé, amosa o seu apoio e o do Equipo de Goberno a calquera iniciativa que repercuta nunha visibilización da ELA e na mellora da calidade de vida dos pacientes que padecen esta enfermidade.