Dobre sesión de teatro este xoves na Casa da Cultura e no Edificio Multiusos de Monforte con “O vixilante dos soños” e “Poeta en Nova York”

Monforte de Lemos, 28 de outubro de 2025. O teatro regresa este xoves a Monforte por partida dobre con sendas propostas na Casa da Cultura Lois Pereiro, para o público infantil e familiar, e no Edificio Multiusos, para todos os públicos. Ambas están organizadas polo Concello de Monforte dentro do Circuíto de Teatro Profesional organizado pola Área de Cultura da Deputación de Lugo, e terán entrada libre e gratuíta.

 

“O vixilante dos soños”, de Ubú Teatro

A primeira cita terá lugar no salón de actos da Casa da Cultura, ás 18.30 horas, cunha representación teatral de monicreques a cargo da compañía Ubú Teatro. O espectáculo titúlase “O vixilante dos soños” e está dirixido a público infantil e familiar.

Esta montaxe é obra de Ana Carreira e está dirixida por José Campanari. O elenco está formado por Marga Portomeñe e Ana Carreira. Conta a historia de Sonólicus, que desde que era pequeno quere chegar á lúa. Con esa idea, busca no reflexo das pozas e dos espellos, sube ás caixas amoreadas e aos tellados, e tantos esforzos fai por conseguilo e tanto estira os brazos cara á lúa, que Ile medran ata a deformidade. O seu empeño semella unha fantasía infantil da que a nai é testemuño. Unha noite acaba de medrar e, non só acada o seu obxectivo de acompañar á lúa, senón que se converte para sempre no vixiante do sono e dos soños infantís.

 

“Poeta en Nova York”

A segunda cita, ás 20.15 horas, leva o teatro ao Edificio Multiusos. Nesta ocasión a cargo da compañía Baixo da Area Teatro, que representa o espectáculo “Poeta en Nova York”, dirixido a todos os públicos. A obra, que tamén se porá en escena pola mañá para centros educativos de Monforte, está dirixida por Paloma Lugilde e interpretada por Paloma Lugilde, Raquel Velasco e Miguel Torres.

A entrada é libre e gratuíta, cun aforo máximo de 100 persoas, xa que a montaxe da obra así o determina.

 

“Poeta en Nova York” é unha adaptación teatral da recoñecida obra de Federico García Lorca, unha obra permanentemente moderna e de irremediable actualidade, cunha proposta escénica contemporánea, que aborda as temáticas e os conceptos presentes no poemario, desde a experimentación e a honestidade. Cando Lorca chegou a Nova York, esta cidade absorbeuno, mesturándose nel unha aparente felicidade cunha profunda angustia vital derivada das súas circunstancias persoais (desengano amoroso, desencanto intelectual e crise creativa). Da man do poeta, viaxaremos por un Nova York nada alleo aos temas actuais, para facer unha labor de denuncia dende o compromiso social.

 

Programa teatral do último trimestre

Estas dúas propostas forman parte da programación de teatro organizada polo Concello para o último trimestre de 2025 e dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorio, así como dos Circuitos de Teatro Afeccionado e Profesional da Deputación Provincial de Lugo.

As citas nas vindeiras semanas son as seguintes:

 

Xoves 6 de novembro, 20.15 h / Edificio Multiusos

“Un deus salvaxe”, de Talía Teatro

Rede de Teatros e Auditorios / Concello de Monforte

Entrada 5€ / Estudantes, desempregados e xubilados 3 €  – Público adulto

 

Sábado 8 de novembro, 20.00 h / Casa da Cultura

Argalleiras Teatro presenta “As cousas que importan”

Asociación Cultural Teatreiras / Concello de Monforte

Entrada gratuíta – Todos os públicos

 

 

Xoves 27 de novembro, 20.15 h / Edificio Multiusos

“Insubmisa”, da compañía Antagonista Teatro

Rede de Teatros e Auditorios / Concello de Monforte

Entrada 5€ / Estudantes, desempregados e xubilados 3 €  – Público adulto

 

Xoves 4 de decembro, 20:15 h / Edificio Multiusos

“Helen Keller, a muller maravilla?”, de Chévere Teatro

Rede de Teatros e Auditorios / Concello de Monforte

Entrada 5€ / Estudantes, desempregados e xubilados 3 €  – Público adulto

 

Xoves 11 de decembro, 20.30 h / Edificio Multiusos

“María Visitación Consolación Amadora”, do grupo Loia Producións

Circuíto Teatro Profesional / Área Cultura Deputación Lugo / Concello de Monforte

Entrada gratuíta – Público a partir de 15 anos

 

Sábado 20 de decembro, 20.00 h / Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro

“O boleto”, do Grupo de Teatro Viraventos, de Monforte

Circuíto Teatro Afeccionado / Área Cultura Deputación Lugo / Concello de Monforte

Entrada gratuíta – Todos os públicos

 Cartel Ubú

 Cartel Poeta en N.Y.