
Monforte de Lemos, 14 de novembro de 2025. A Tenente de Alcalde de Monforte, Gloria Prada, e a Concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López, presentaron este venres a campaña de sensibilización “En negro contra as violencias” organizada polo Concello de Monforte arredor do 25 de Novembro, Día Internacional para a eliminación da Violencia de Xénero.
Na súa intervención, a Concelleira de Muller e Igualdade manifestou que “a violencia machista non pode ter cabida na nosa sociedade nin na democracia que queremos consolidar” e convidou a toda a sociedade monfortina a participar nas actividades programadas para conmemorar esta data. “Erradicar a violencia de xénero e protexer ás vítimas non é unha opción, é unha obriga que precisa do compromiso de todas e todos os cidadáns, todos os días do ano”.
Neste senso, Margarita López indicou que “o machismo mata e, por todo isto, desde o Equipo de Goberno do Concello de Monforte consideramos que a actual situación require dunha resposta unánime de toda a sociedade monfortina, que poña de manifesto o rexeitamento de todas as formas de violencia contra as mulleres”. Con este obxectivo, a Concelleira fixo un chamamento a “todos os axentes sociais e económicos do municipio a implicarse na loita contra a violencia machista” sumándose a estes actos.
A campaña de sensibilización programada polo Concello para conmemorar esta data arrincou o luns 10 cun obradoiro nos centros educativos do municipio e finalizará o 4 de decembro con teatro no Edificio Multiusos. O programa conta cun amplo abano de actividades que inclúe difusión a través de cartelaría específica e pancartas conmemorativas, colocadas na Casa do Concello e no Centro Cívico. Así mesmo, colocarase un vinilo no Bus Urbano do Concello para difundir a mensaxe de rexeitamento á violencia de xénero e de chamamento a asistir á concentración que terá lugar na Praza do Concello o martes, 25 novembro.
Actos centrais do 25-N
A Praza do Concello acollerá, como todos os anos, os actos centrais do 25-N, o vindeiro martes. Ás 12.00 horas terá lugar a concentración e lectura do manifesto, a cargo de Margarita López Rodríguez, Concelleira de Muller e Igualdade.
Posteriormente desenvolverase a performance “Semprevivas”, dirixida por Francisca Abeledo. A peza, explicou a Concelleira, “rende homenaxe ás vítimas de violencia de xénero e a todas aquelas que están a sufrir violencias machistas”. A idea é enviar unha mensaxe clara de repulsa aos agresores e sensibilizar á sociedade monfortina sobre a necesidade de erradicar a violencia contra as mulleres sumando esforzos para un futuro en igualdade e libre de violencias.
A este acto central acudirá alumnado de Educación Primaria para facelo partícipe da conmemoración desta data, e tamén repartirase entre o público asistente material de sensibilización serigrafiado co lema da campaña “Monforte en Negro contra as violencias”.
Obradoiros educativos
Desde o luns 10 e ata o venres 21 desenvólvese nos centros educativos o obradoiro “Machismo Game Over”, dirixido ao alumnado de 6º de Primaria, co que se pretenden revisar os roles de xénero e construír unha mirada coeducativa e igualitaria a favor do bo trato e contra a discriminación. As encargadas de levar a cabo esta actuación son Priscila Retamozo Ramos, formadora en igualdade e diversidade con alumando de todos os niveis educativos, profesorado, familias e entidades, e Cristina Louzán García, axente de igualdade especializada en teoría feminista e prevención da violencia contra as mulleres.
Esta actividade xa fixo parada esta semana nos colexios CPR Ferroviario, CPR Torre de Lemos, CEE Infanta Elena, CPR Escolapios e CEIP A Gándara, e o venres 21 estará no CEIP Monforte.
Os días 24, 26, 27 e 28 de novembro levarase a cabo o obradoiro “Desmontando a violencia machista. Pensa. Cuestiona. Responde”, dirixido ao alumnado de 4º ESO.
A través deste obradoiro preténdese crear un espazo compartido de reflexión crítica sobre os discursos que, de forma sutil ou explícita, reproducen desigualdades e formas de violencia cara ás mulleres construídos e reproducidos a través das redes sociais, o cine, a música e mesmo as conversas cotiás. A finalidade é abrir un espazo seguro para analizar e cuestionar esas mensaxes, desenvolvendo o pensamento crítico e o respecto polas diferenzas, utilizando unha metodoloxía diversa que abrangue a exposición de contidos teóricos, o visionado de material audiovisual e a interacción dinámica do grupo fomentando unha aprendizaxe colaborativa e significativa.
A encargada de levar a cabo a actuación será a psicóloga sanitaria Paula Sánchez, especialista en igualdade e violencia de xénero. O obradoiro desenvolverase nos CPR Ferroviario, Torre de Lemos e Escolapios, e nos IES Río Cabe e Daviña Rey.
Curso de Defensa Persoal Feminina
O Centro Cívico acollerá os días 20 e 27 de novembro un curso de Defensa Persoal Feminina para dotar ás mulleres participantes de ferramentas para a súa defensa persoal e capacitalas para previr situacións de violencia de xénero. Esta actividade repite no programa dende hai uns anos pola boa acollida que sempre ten entre as mulleres.
O curso estará impartido por Juan José Martínez quen, a través do “Método Mais” e empregando unha metodoloxía de Defensa Persoal Feminina, procura que as mulleres aprendan a empregar o corpo e a mente contra as ameazas do día a día, tanto para defenderse como para recoñecer os sinais de perigo e actuar de xeito preventivo ante situacións de risco.
Esta actividade é gratuíta e cun número de prazas limitado segundo orde de inscrición, polo que as mulleres interesadas deberán anotarse previamente no CIM (982 41 63 50).
Contacontos e teatro
A campaña inclúe tamén actividades culturais dirixidas a sensibilizar ao público a través das artes escénicas. A primeira cita terá lugar o domingo, 23 de novembro, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura, co Concerto-Contacontos “Cambia o conto”, a cargo do trío Música Miúda. Este espectáculo está dirixido ao público familiar e ten entrada gratuíta ata completar aforo.
Cunha duración de 50 minutos, a montaxe combina contos e cancións que fan especial fincapé na diversidade e na integración, e cunha perspectiva de xénero e de promoción da nosa lingua. Neste espectáculo traballaranse os estereotipos de xénero a partir de contos tradicionais, adaptándoos e creando novos relatos cunha perspectiva non sexista. Parten do comezo popular destes contos, mais as protagonistas tomarán decisións máis intelixentes que as levarán a un final diferente.
O xoves 27 de novembro, ás 20.15 horas, e no Edificio Multiusos, terá lugar a cuarta cita co teatro para público adulto organizada polo Concello de Monforte para o último trimestre do ano dentro da programación da Rede de Teatros e Auditorios. Neste caso, a representación está incluída nas actividades do 25-N coordinadas polo CIM do Concello de Monforte.
A compañía Antagonista Teatro presenta a obra “Insubmisa”, escrita por Jose Vaquero, coa dirección de Marta Alonso e Pepe Domínguez. O elenco está formado por Iria Sobrado, Jose Vaquero e Javier Octavio de Toledo.
O xoves 4 de decembro, ás 20.15 horas, no Edificio Multiusos, e tamén dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios en colaboración coa Concellería de Cultura, desenvolverase a obra de teatro “Helen Keller, a muller marabilla?”, do Grupo Chévere, escrita e dirixida por Xron. No elenco artístico están Patricia de Lorenzo, Ángela Ibáñez e Chusa Pérez de Vallejo.
En ambos casos, o prezo da entrada é de 5 euros para o público xeral e de 3 euros para estudantes, desempregados e xubilados.
A Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e a Concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López, remataron a presentación do programa de actividades facendo un chamamento á participación da cidadanía monfortina tanto na concentración do 25-N na Praza do Concello, como no resto de accións programadas. “Un ano máis encheremos Monforte de actividades arredor desta data porque creemos que a actual situación require dunha resposta unánime de toda a sociedade que poña de manifesto o rexeitamento de todas as formas de violencia contra as mulleres”, concluíron.