O espectáculo “4 monos” pechou hoxe na Casa da Cultura o ciclo Ler conta moito, no que participaron arredor de 300 escolares de Monforte

Monforte de Lemos, 26 de setembro de 2025. A Casa da Cultura Lois Pereiro acolleu hoxe a segunda sesión do programa de animación á lectura “Ler conta moito”, que se desenvolveu en colaboración coa Biblioteca Municipal. O ciclo, dirixido a alumnos e alumnas de 1º e 2º curso de Primaria dos centros educativos da cidade, contou cunha participación total nas dúas actividades de arredor de 300 escolares.

Este venres, 26 de setembro, ás 12.00 horas, o alumnado de 2º de Primaria asistiu ó espectáculo “4 monos”, a cargo da compañía de teatro Tropa de Trapo, especializada en obradoiros educativos, actividades de animación á lectura e teatro infantil. A rapazada encheu a Casa da Cultura e desfrutou dun espectáculo que puxo en escena a catro monos que escoitan, ven, falan e actúan. Catro monos con cadansúa historia que convidaron ao alumnado a reflexionar e soñar con outro mundo posible.

Con esta sesión péchase o ciclo que comezou o pasado venres 19 co espectáculo “Maxia para soñar”, dirixido ao alumnado de 1º de Primaria, a cargo do ilusionista Mago Marco, que propuxo unha viaxe de soño e ilusións envoltas nun misterio, con aparicións, desaparicións, levitacións imposibles e, o máis importante, unha maxia interactiva na que os escolares de Monforte foron os grandes protagonistas.

 

Fomentar a lectura

“Ler conta moito” é un programa de dinamización da lectura nas bibliotecas públicas promovido pola Dirección Xeral de Cultura en colaboración cos Concellos con bibliotecas integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia. A finalidade é animar á lectura a través dunha programación de actividades atractivas que faciliten o achegamento aos espazos bibliotecarios.  “O obxectivo deste programa”, destaca o Alcalde, José Tomé Roca, “é dar a coñecer e fomentar a lectura entre os alumnos e alumnas dos diferentes centros de ensino de Monforte”.