O Grupo de Goberno do Concello de Monforte encabezado polo Alcalde, José Tomé, participou nesta mañá da manifestación pola paz celebrada na Praza de España.

Monforte de Lemos, 12 de xullo de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado por outros membros do Equipo de Goberno entre os que se atopaban a Tenente Alcalde, Gloria Prada, o Concelleiro de Medio Ambiente, obras e servizos, José Luis Losada, a Concelleira de Consumo, Regina López e a Concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López, participaron na manifestación convocada para hoxe sábado día 12 de xullo, ás 11:00 horas na Praza de España de Monforte de Lemos, reivindicando unha paz xusta e o alto ó fogo definitivo co lema “Pola Paz, polo fin do xenocidio”.

A concentración convocada pola plataforma pararlaguerra.es invitou á cidadanía, sen distincións de ideoloxías ou credos, sen importar a rexión ou o pais no que se viva, a apoiar a mobilización e acudir ás concentracións pola Paz e polo Fin do Xenocidio que tiveron lugar nas principais cidades da nosa xeografía.

Tal e como se desprende do manifesto da plataforma citada, é hora de transformar a indignación que arrasa o mundo en accións pacíficas, unidas e solidarias contra o xenocidio e pola paz. “A guerra non nos é indiferente, porque é un gran monstruo e pisotea toda a pobre inocencia da xente”

Este inferno é especialmente cruel para os nenos, que segundo as advertencias da ONU, poderían comezar a morrer por miles cada días se a axuda humanitaria non chega de inmediato.  Estamos ante un dos momentos mais crueis e mortíferos da matanza que o goberno israelí leva vinte meses perpetrando na Franxa. Está en perigo a paz na rexión e en todo o mundo, producíndose un salto na escalada de guerra e na posibilidade dun conflito internacional de imprevisibles consecuencias.

Ante a situación desoladora, a plataforma paralaguerra.es convoca a toda a cidadanía a realizar concentracións pacíficas para expresar o rexeitamento ó conflito que estamos a vivir e reivindicar entre todos unha Paz Xusta e o cesamento do fogo definitivo.