Licitado o contrato para a renovación de contedores e obras de mellora no Punto Limpo de Monforte

Monforte de Lemos, 19 de setembro de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anuncia a licitación do contrato para a mellora do Punto Limpo Municipal e a adquisición de contedores, por un importe estimado de 41.684,50 euros. A duración do contrato establécese por un prazo ata o 15 de novembro de 2025 e dun máximo de 1 mes desde a sinatura do contrato para a realización dos suministros.

O Punto Limpo do Concello de Monforte construíuse no ano 2000 e desde ese ano non se levaron a cabo obras de mellora nin de actualización, polo que “hai unha serie de elementos que requiren unha renovación”, sinala o Alcalde. Ademais, faise necesario ampliar os residuos admitidos na instalación, para adecuarse á produción de residuos na actualidade.

Con este fin, contrato recolle melloras nas portas de acceso, como o pintado, motorización, establecemento dun sistema de control de accesos para usuarios e instalación dunha barreira automática tipo parking diante da caseta de control de acceso.

Tamén se substituirán os contedores existentes utilizados para voluminosos de madeira e chatarra, debido ao mal estado que presentan. Os novos terán que ser compatibles para uso con camións de gancho tipo ampiroll, cunha capacidade mínima de 30 m3.

O prazo para a presentación de propostas finaliza o 2 de outubro de 2025 e a mesa de contratación reunirase o día 6 do mesmo mes, ás 8.45 horas.

Esta intervención encádrase dentro da axuda concedida ao Concello de Monforte no marco do programa de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da Unión Europea no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.