O Multiusos de Monforte acolle hoxe a obra “María Visitación Consolación Amadora”, de Loia Producións

O Edificio Multiusos acolle este xoves, 11 de decembro, ás 20.30 horas, unha nova cita co teatro dentro da programación da Concellaría de Cultura para o último trimestre do ano. Neste caso, trátase do espectáculo “María Visitación Consolación Amadora”, unha montaxe da compañía Loia Producións enmarcada no Circuíto de Teatro Profesional da Deputación de Lugo, en colaboración co Concello de Monforte.

Está dirixida ao público a partir de 15 anos, e a entrada é gratuíta.

A obra, escrita por Paloma Lugilde e Aida Cobas, e dirixida por Paloma Lugilde, aborda a vida desas mulleres que, no complexo contexto que lles tocou vivir, conseguiron ter certa autonomía e mesmo chegar a gañar máis que os homes en anos nos que algo así era inaudito: as costureiras. A historia pon o foco en diferentes costureiras da Comarca da Ulloa, abordando o cooperativismo e a soidade, a costura como traballo e/ou expresión artística, a memoria e a industria téxtil. Fronte a actual cultura do usar e tirar, elas creaban harmonía co medio remendando, tratando de compoñer traxes cos restos das teas e artellando o mellor que podían co pouco que había.

 

Programación teatral do último trimestre

Esta proposta cultural forma parte da programación de teatro organizada polo Concello para o último trimestre de 2025 a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios, así como dos Circuítos de Teatro Afeccionado e Profesional da Deputación Provincial de Lugo.

A vindeira sesión corresponde ao grupo de teatro afeccionado monfortino Viraventos, que presenta a obra “O Boleto”. Será o sábado 20 de decembro, ás 20.00 horas, na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro. Entrada gratuíta, para todos os públicos.