Monforte de Lemos, 24 de decembro de 2025. Os nenos e nenas monfortinos teñen este Nadal unha cita co teatro e a música na Casa da Cultura. O Concello de Monforte organiza, dentro do programa das Festas de Nadal, varios espectáculos dirixidos ao público infantil e familiar. Todos con entrada libre e gratuíta.
O ciclo comezou este martes 23, ás 18.00 horas, coa representación de “Nadal en prácticas”, da compañía Lalá Teatro. A rapazada desfrutou dun contacontos interactivo no que todos, pequenos e maiores, puideron participar axudando a Nolitas, una elfa un pouco peculiar que este Nadal está en prácticas e a pique de afrontar a proba definitiva para obter o certificado oficial de Elfa do Nadal.
A vindeira cita co teatro é o venres 26 de decembro, tamén ás 18.00 horas e na Casa da Cultura. A compañía Títeres Cachirulo presenta a súa montaxe “O ladrón de xoguetes”, unha divertida aventura protagonizada polo Apalpador e os seus amigos, que terán que impedir que o ladrón Pasmón roube os xoguentes dos nenos.
A piques de rematar o ano, o martes 30 de decembro, a Casa da Cultura acolle ás 18.00 horas o espectáculo infantil e familiar “A fantasía do Nadal”, de María Faltri. "Abracadabra", con esta palabra máxica ábrese o telón dun espectáculo onde todo é posible. María Faltri dá vida a personaxes entrañables e momentos cheos de luz. Acompañada por Reyner Aldana na guitarra, coros e percusións, crearán un ambiente máxico.