Monforte de Lemos, 3 de outubro de 2025. O teatro volverá ser protagonista da actividade cultural deseñada pola Concellería de Cultura, Ensino e Xuventude de Monforte para o último trimestre do ano. O ciclo, que inclúe un total de cinco espectáculos entre os meses de outubro e decembro, desenvolverase no Edificio Multiusos e está enmarcado dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios.
O Alcalde, José Tomé Roca, “anima ós monfortinos e monfortinas a acudir ó Multiusos e participar destas actividades, dentro da aposta decidida que este goberno fai pola cultura, e neste caso, polo teatro galego”.
Todas as funcións terán lugar no Edificio Multiusos, ás 20.15 horas. O prezo das entradas é de 5€ na tarifa xeral, e de 3€ no caso de estudantes, desempregados e xubilados.
Unha traxedia aderezada de comedia e ironía
A programación arranca o vindeiro xoves, 9 de outubro, coa obra “Guerra”, da compañía Teatro do Noroeste. Escrita e dirixida por Eduardo Alonso, esta peza é unha traxedia aderezada de comedia e ironía, para dulcificar as arestas tráxicas.
Nun edificio teatral totalmente destruído por un bombardeo dunha guerra desatada no mesmo corazón de Europa comezan a aparecer as personaxes das obras do Teatro Universal que nel foran representadas ao longo do tempo, todas elas encarnadas en dous actores e catro actrices.
“Guerra”, en palabras do seu director, “é un espectáculo que trata sobre a guerra, sobre todas as guerras, as pasadas, as presentes e as futuras, as guerras das nacións e os pobos, as guerras das tribos e as guerras das persoas, dos seres humanos, as guerras exteriores pero tamén as internas. Mais a peza toma esta ‘guerra’ de xeito teatral, como as guerras das obras de Shakespeare, Bertolt Brecht, Lope de Vega, Calderón, as carlistas de Valle Inclán ou as imaxinadas escenicamente por Lorca”.
O espectáculo está protagonizado por Luma Gómez, Miguel Pernas, Manuela Varela, Maxo Barjas, Sabela Hermida e Xavier Estévez, con música de Bernardo Martínez, escenografía e vestiario de Carlos Alonso e produción de Eva Alonso.
Próximas citas
O ciclo continuará o 23 de outubro co espectáculo “O que hai que ver!”, do grupo Fulano, Mengano e Citano.
Xa no mes de novembro, o teatro regresa ó Edificio Multiusos o xoves 6, con “Un deus salvaxe”, da compañía Talía Teatro.
Tamén en novembro, o xoves 27, a compañía Antagonista Teatro representa “Insubmisa”.
Pecha o ciclo o 4 de decembro a peza “Helen Keller, a muller marabilla?”, do Grupo Chévere.