Monforte de Lemos, 16 de setembro de 2025. O Alcalde, José Tomé Roca, informa dos cortes de tráfico que se producirán na Praza da Estación con motivo das obras de mellora da accesibilidade na Estación ferroviaria de Monforte que promove Adif.
A Xunta de Goberno celebrada este luns, 15 de setembro, autorizou a petición formulada pola empresa adxudicataria dos traballos, Misturas Obras e Proxectos S.A., que propón a realización das obras en dúas fases, de forma que o acceso ás vivendas e á propia Estación poida facerse sempre pola parte non ocupada totalmente polos traballos. Os cortes produciranse nos vindeiros días, tendo en conta que as obras avanzan dentro do prazo establecido.
Con carácter xeral, o peche da Praza deberá facerse de tal xeito que interfira o menos posible na entrada ou saída dos inmobles e dos garaxes dotados de vao permanente, facilitando tamén a prestación dos servizos públicos.
A resolución da Xunta de Goberno ten en conta o informe da Policía Local, que introduciu varios condicionantes para que o paso dos peóns se faga con seguridade en todo momento. Así, a empresa terá que garantir sempre o paso peonil, incluíndo o traslado de carriños e cadeiras de persoas con mobilidade reducida a todos os domicilios. Tamén no momento no que se fagan as obras na parte correspondente aos portais dos edificios que dan á Praza. Para elo terá que colocar pasarelas que permitan sempre un paso seguro.
En canto á entrada con vehículos ata o garaxe do hotel existente na Praza, facilitarase o acceso, excepto durante o tempo no que as obras se realicen xusto diante ou se requira a presenza de maquinaria en funcionamento que o impida ou o faga inseguro. Na mesma liña, tamén se deberá facilitar o acceso ao Centro Municipal de Tratamento de Drogodependencias, situado no sur da praza.
No que se refire ao recinto da Estación na parte que hai naves alugadas, a adxudicataria das obras terá que xestionar coa entidade titular da propiedade o acceso con vehículos desde a rúa Rosalía de Castro, á altura do enlace con Doutor López Suárez, polo menos no horario de actividade ordinaria.
Parada de autobuses e taxis
No que respecta aos autobuses, establecerase unha parada provisional na rúa Leopoldo Calvo Sotelo, na marxe dos números pares, entre o 190 e o 200. Nesa reserva de espazo destinarase un tramo á parada de taxis, durante o tempo que estes vehículos non poidan acceder á Praza para prestar o seu servizo.