A Praza de Abastos acollerá os días 20 e 21 o Mercado de Nadal, con produtos navideños, ideas de agasallos e actividades para toda a familia

Monforte de Lemos, 13 de decembro de 2024. A Praza de Abastos de Monforte acollerá a vindeira fin de semana unha nova edición do Mercado de Nadal, unha actividade impulsada polo Concello que busca dinamizar o comercio de proximidade, fomentar as compras no comercio local e as actividades en familia con propostas musicais para todos os públicos.

O Alcalde, José Tomé, anima a toda a veciñanza a visitar este Mercado e desfrutar do programa de actividades: “Queremos fomentar as compras propias destas datas nas tendas de Monforte, no noso comercio local, e por iso apostamos por este modelo de mercado navideño, que fusiona animación e ocio co comercio, nas instalacións da Praza de Abastos, como xa vimos facendo con moi boa acollida nas últimas edicións”.

 

16 postos de venda

O Mercado de Nadal abrirá as súas portas a vindeira fin de semana, o sábado 20 e domingo 21, con 16 postos de venda, nos que o público poderá atopar agasallos, produtos gastronómicos, chocolate quente e doces.

Ao longo das dúas xornadas, desenvolverase unha completa programación de espectáculos, obradoiros e actividades diversas: contacontos, xogos, música e un videomatón navideño 360º no que os asistentes poderán subirse á plataforma e editar o seu vídeo navideño. Os máis pequenos da familia poderán visitar unha recreación da habitación de Papa Noel e entregar as súas cartas na Praza de Abastos.

    

Obradoiros, música e contacontos

As actividades comezarán o sábado 20 coa celebración dun obradoiro artesanal para nenos e nenas no que elaborarán adornos e outros accesorios, de 12.00 a 14.00 horas. Ás 18.00 horas, o público infantil poderá asistir ao espectáculo de “Un Nadal chungo que te cagas”, a cargo do artista Peter Punk.

O domingo 21, haberá un obradoiro artesanal de pintura para nenos e nenas, de 12.00 a 14.00h e, pola tarde, ás 18.00 horas, actuará Brais das Hortas, co espectáculo “Consertasso na horta”.

O videomatón navideño 360º estará en funcionamento o sábado 20 de 18.00 a 20.30h, e o domingo pola mañá de 11.30 a 13.30h, e pola tarde, de 18.00 a 20.30h.

 

En definitiva, unha ampla oferta para animar as compras navideñas. O Alcalde,  José Tomé, convida a toda a veciñanza “a sumarse a esta aposta polo comercio local, desfrutar da nosa hostalería e participar no completo programa de actividades que desenvolveremos a vindeira fin de semana na Praza de Abastos”.

 

RESEÑAS DAS ACTUACIÓNS NO MERCADO DE NADAL

“Un Nadal chungo que te cagas”, con Peter Punk

O Nadal tamén pode ser unha festa tola, gamberra e chea de risas. Peter Punk chega disposto a desmontar o espírito destas datas co seu humor irreverente e o seu inconfundible estilo. Nesta ocasión, o pallaso máis punk do país presenta o seu Nadal particular: onde lle dá a volta á árbore, ás luces, aos gorros e a todo ese atrezzo festivo, pasándoos polo filtro máis absurdo, retranqueiro e divertido de Peter Punk Pallaso.

Malabares, lume, música e un desbordante talento escénico combínanse nun espectáculo universal e todoterreo, perfecto para todos os públicos. Un show que demostra que o Nadal tamén pode ser chungo... que te cagas!

 

“Consertasso na Horta”, con Brais das Hortas

Hoxe na horta de Brais das Hortas hai concerto. Mellor dito: Consertasso! Todo da casa! Grelos e temassos, cun equilibrio variado de formas e estilos - como debe ser nun ecosistema musical diverso e saudable! A Santa Compaña aparécese entre as patacas cantando un trap. Hai unha pulga punk da praia de Liméns. As cabras tiran para o monte e os caracois reivindican o seu ritmo: o reggae. Entre as cenorias, os lagartos toman o sol ao son dun tumbao -é o propio!- e os kiwis non paran de brotar bailando ska. Tamén hai sitio para os soños, coma o de ser astronauta, ou para pedirlle axuda ás veciñas para botarlle o sulfato ás viñas. E máis temassos entre guitarrazos, charangazos e un lote de instrumentazos máis. Música e humor para toda a familia.