
Monforte de Lemos, 23 de novembro de 2025. A Casa da Cultura acolleu este domingo, ás 18.00 horas, o Concerto Contacontos “Cambia o conto”, programado polo Concello de Monforte dentro das actividades conmemorativas do 25-N, Día Internacional da Eliminación da violencia de xénero. O espectáculo, dirixido ao público familiar e con entrada gratuíta, encheu o salón de actos da Casa da Cultura Lois Pereiro e contou coa asistencia da Concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López, e persoal do Centro de Información á Muller, CIM.
O público infantil desfrutou da música en directo e dun espectáculo no que os pequenos e pequenas interactuaron cos artistas cantando e contando os contos tradicionais reinterpretados baixo unha perspectiva de xénero nesta divertida e animada montaxe.
Rachar cos estereotipos
“Cambia o conto” é unha proposta cultural do trío Música Miúda, composto por Irene Quinteiro, Miguel Alonso e Óscar Martínez, que combina contos e cancións de creación propia que fan especial fincapé na diversidade e na integración, todo elo cunha perspectiva de xénero e de promoción da nosa lingua. Os seus espectáculos teñen un amplo percorrido por bibliotecas, centros educativos e auditorios de toda Galicia.
Neste espectáculo trabállanse os estereotipos de xénero a partir de contos tradicionais, adaptándoos e creando novos relatos cunha perspectiva non sexista. Parten do comezo popular destes contos, mais as protagonistas tomarán decisións máis intelixentes que as levarán a un final diferente. Ademais, enriquecen estes contos con novos personaxes, que aportan modelos non sexistas e rachan con estereotipos: o Pirata Efrén, quen non teme a chorar e traballa xunto a Aroa Serea, e a avoa Lola, quen axuda a Antía Carapuchiña a enganar ao lobo.