
Monforte de Lemos, 16 de decembro de 2025. Monforte de Lemos acollerá este Nadal a segunda edición da Calasancio Cup, un torneo que reunirá na nosa cidade a equipos de máximo nivel no fútbol infantil sub-14 do noroeste peninsular. A competición, organizada polo CP Calasancio coa colaboración do Concello de Monforte, celebrarase en dúas xornadas os días 27 de decembro e 3 de xaneiro, con equipos de Galicia, Asturias, Castilla y León e Portugal.
O evento deportivo deuse a coñecer este martes no Concello de Monforte, nunha presentación na que participaron a Tenente de Alcalde, Gloria Prada, o Concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán, e o presidente do CP Calasancio de Monforte, Juan Carlos Díaz.
A Tenente de Alcalde lembrou que o Concello de Monforte xa colaborou con este torneo na súa primeira edición e ratificou novamente este apoio a un evento que “sitúa á nosa cidade nun lugar destacado dentro do fútbol base”. Esta colaboración, que se traduce na cesión de espazos deportivos e trofeos, “é reflexo do compromiso do Alcalde e deste Equipo de Goberno coa promoción do deporte base monfortino e, neste caso, co fútbol formativo e cos nosos xoves deportistas”.
A II Calasancio Cup celebrarase nos campos de fútbol Álex Blanco, Luis Bodegas e A Pinguela de Monforte en dúas xornadas, o 27 de decembro e o 3 de xaneiro, e reunirá na cidade do Cabe a grandes clubs deportivos de Galicia, Asturias, Castilla y León e Portugal, “ofrecendo un cartel competitivo de moito nivel e, polo tanto, unha oportunidade tamén para o público afeccionado ao deporte base, que poderá desfrutar dun torneo esixente e educativo”, apuntou Gloria Prada. “Un orgullo para Monforte”, destacou a Tenente de Alcalde, ademais, dunha excelente oportunidade a nivel de visibilidade, proxección e dinamización da actividade económica da cidade”.
Unha fase previa con 12 equipos e 250 deportistas
O presidente do club deportivo Calasancio, Juan Carlos Díaz, ofreceu os detalles da competición, que consistirá nunha fase previa o 27 de decembro e unha fase final, o 3 de xaneiro.
A fase previa celebrarase o 27 de decembro nas instalacións Álex Blanco coa participación de 12 equipos sub-14 que suman arredor de 250 deportistas. Nesta fase, os doce conxuntos competirán por unha única praza clasificatoria para o cadro final, nun formato que asegura intensidade, igualdade e emoción desde o primeiro partido.
O equipo que resulte campión obterá o billete para a fase final, na que terá a oportunidade de medirse con algunha das mellores canteiras de Galicia, Asturias, Castilla y León e Norte de Portugal, un auténtico desafío para clubs e deportistas en pleno crecemento deportivo.
Os equipos participantes desta fase previa son os seguintes: CP Calasancio B, ED Calasancio, ED Val Miñor B, CD Calasanz B, CA Arteixo, Pabellón Promesas, ADC Sagrado Corazón, Rayo 21 CF, Ural CF B, EF Lalín, EDC Barbadás e AD Piringalla.
A fase final, escaparate do talento sub-14
O campión da fase previa terá a oportunidade de enfrontarse ás mellores canteiras do noroeste peninsular na fase final, na que competirán un total de 20 equipos. Esta fase celebrarase nas instalacións Álex Blanco, Luis Bodegas e A Pinguela o 3 de xaneiro e concentrará en Monforte a 500 deportistas e técnicos. “Tendo en conta que a maioría dos xogadores soen vir acompañados de algún familiar, falamos de máis de mil persoas en Monforte”, incidiu Juan Carlos Díaz, destacando a capacidade deste evento deportivo de atraer entidades, xogadores e familias de diferentes rexións.
O presidente do CP Calasancio avanzou que a fase final “reunirá ás mellores canteiras galegas xunto con invitados de Portugal, Asturias e Castilla y León, conformando un cartel único que sitúa o torneo entre os máis prestixiosos do fútbol base sub-14”.
Os equipos participantes aos que se enfrontará o gañador da fase previa son:
- CP Calasancio
- RC Deportivo de La Coruña
- RC Celta de Vigo
- SC Braga
- Vitória Guimarães SC
- Famalicão FC
- Real Oviedo
- CD Lugo
- SD Ponferradina
- Racing de Ferrol
- Pontevedra CF
- CD Covadonga
- CD Calasanz
- ED Val Miñor
- Conxo Santiago
- Ural CF
- Pabellón Ourense CF
- San Tirso SD
- AJ Lérez (campeón da primeira edición)
O presidente do CP Calasancio destacou a participación de conxuntos que forman parte das canteiras de equipos de primeira división, o que garante “unha fase final de altísima esixencia”.