A unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue estará o venres 17 na Praza da Compañía

Monforte de Lemos, 13 de outubro de 2025. O Concello de Monforte informa á cidadanía de que o vindeiro venres, 17 de outubro, a unidade móbil de doazón da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), estará instalada na Praza da Compañía e operativa en horario de 10.00 a 14.00h, e de 16.00 a 21.00 horas.

A Axencia lembra que cada día os hospitais galegos precisan entre 400 e 500 doazóns de sangue para manter a súa actividade, polo que a colaboración da cidadanía é fundamental. Para manter as reservas, ADOS conta con dez unidades móbiles que percorren os concellos galegos recollendo doazóns que despois son procesadas e analizadas nas dependencias centrais. Deste xeito, é posible enviar compoñentes sanguíneos a todos os hospitais galegos para atender a milleiros de doentes os 365 días do ano.

Unha destas unidades móbiles chega o venres a Monforte e instalarase diante do Campo da Compañía. O Equipo de Goberno anima a todas as persoas que sexan aptas para doar a achegarse e colaborar deste xeito entre todos para que se poida desenvolver a labor asistencial dos hospitais de forma efectiva.

Desde a Axencia lembran que para doar sangue hai que ter máis de 18 anos e pesar máis de 50 quilos. É preciso almorzar e despois de xantar esperar dúas horas. Aconséllase tamén non facer unha comida copiosa antes de doar. As persoas que acudan á unidade deberán aportar tarxeta de doazón, DNI ou documento similar, e un informe médico no caso de estar tomando algún medicamento.

Mais información sobre a doazón en ados.sergas.gal e no teléfono gratuíto 900 100 828.