Monforte de Lemos, 20 de novembro de 2025. O Concello de Monforte informa á cidadanía de que o venres 21 e o sábado 22 de novembro, instalarase na Praza da Compañía unha unidade móbil de doazón da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), que estará operativa o venres en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas, e o sábado en xornada de mañá, de 10.00 a 15.00 horas.
ADOS é un organismo público dependente da Consellería de Sanidade que subministra compoñentes sanguíneos a todos os hospitais de Galicia, que precisan entre 400 e 500 doazóns de sangue para manter a súa actividade. A colaboración da cidadanía é fundamental para manter estas reservas e, con este obxectivo, cada día a Axencia mantén abertos locais de doazón nas sete grandes cidades e despraza dez unidades móbiles na procura de doazóns de sangue que despois son procesadas e analizadas nas dependencias centrais. Deste xeito é posible enviar compoñentes sanguíneos a todos os hospitais galegos para atender a milleiros de doentes os 365 días do ano.
As persoas interesadas en colaborar con este xesto altruísta poden atopar información sobre a doazón de sangue e os requisitos de saúde para participar na páxina web da Axencia ados.sergas.gal ou na propia unidade móbil. ADOS dispón tamén dun teléfono de información gratuíto (900 100 828) para consultar as dúbidas sobre a doazón de sangue, e tamén sobre a localización das unidades móbiles que atenden ás persoas que desexan participar.
Desde o Concello de Monforte, o Alcalde anima a todas as persoas aptas para doar a achegarse ata a unidade móbil que estará instalada diante do Campo da Compañía os días 21 e 22 de novembro e colaborar deste xeito entre todos para conseguir a meta fixada por ADOS para que se poida desenvolver a labor asistencial dos hospitais de forma efectiva.